Vulneran a seguridade dun xogo da tenda de Windows 10

xoves, 15 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O xogo Zoo Tycoon: Ultimate Animal Collection non é un dos máis coñecidos de Xbox One e PC, pero vén de acadar certa relevancia por ser o primeiro xogo coa protección UWP de Windows 10 crackeado, ou sexa, que dende onte circula pola Rede unha copia pirata deste título que consegue superar as súas medidas anti-copia.
O xogo en cuestión contaba con cinco capas de protección (MSStore, UWP, EAppX, XBLive e Arxan), dificultando o seu pirateo, pero o grupo CODEX foi quen de superar as proteccións, de xeito que pode distribuírse a través da Internet para a súa instalación e execución sen complicacións, aínda que recomendan bloquear o seu acceso á Rede, ou sexa, que a vulneración da seguridade dos xogos de Windows 10 parece que só afectaría seriamente aos títulos que poidan gozarse fóra de liña.
É de esperar que nas vindeiras semanas vexamos como xorden copias de bastantes xogos con esta protección anti-copia, pero tamén é previsible que Microsoft actualice a protección de xeito que os xogos futuros non serían vulnerables.

O grupo CODEX foi o primeiro en vulnerar a seguridade dos xogos da tenda de Windows 10

PUBLICIDADE