Vortex, un robot para que os nenos xoguen e aprendan a programar

venres, 10 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A compañía chinesa DFRobot quere converter a robótica nunha ferramenta para que xoguen os nenos e, de paso, poidan adquirir coñecementos moi básicos de programación, e seguindo a liña de proxectos como o galego Escornabot, queren popularizar un robot baseado en Arduino que responde ao nome de Vortex e que pode conectarse a dispositivos con Android e iOS, xogar e programarse por nenos de a partires de 6 anos de idade.
Este pequeno robot está a buscar financiamento a través de Kickstarter, o que conseguirá sen grande dificultade xa que parte de prezos moi axustados (o modelo máis básico custaría 45 libras esterlinas, ou sexa, uns 63 euros), e está deseñado para que, tras sacalo da caixa xa poidan empregarse para distintos xogos como loitas de robots (en plan sumo), golf, condución e fútbol (de feito, en Kickstarter ofrécense conxuntos de robots que inclúen os mapas para poder xogar virtualmente a estes deportes). Pero o máis interesante do Vortex estaría na súa aplicación que permite certo nivel de programación gráfica mediante procedementos de arrastrar e soltar, co que preténdese que os pequenos aprendan os rudimentos da programación (para o que Vortex contará con varios cursos pre-configurados).
O Vortex ten unhas dimensións de 120 x 120 x 64 milímetros, nos que integra un procesador Atmega 328 (compatible con Arduino UNO), 2 sensores de proximidade de infravermellos, 2 controladores de velocidade, 6 sensores para o seguimento de liñas e a detección de chan, reprodutor de MP3 con 8 MB de memoria, 12 LED independentes de cores, conectividade Bluetooth 4.0, USB e conector I2C (que permite ampliar o sistema con sensores de temperatura, acelerómetro, xiroscopio, sensor táctil...). Aliméntase mediante 4 baterías AA, o que daríalle unha autonomía de entre 40 e 90 minutos.
A proposta parece bastante interesante, e posiblemente o peor é que para poder facerse coas primeiras unidades do Vortex haberá que agardar ao mes de outubro, que serán cando comece a remitirse aos mecenas.

JPEG - 40.8 KB
Os nenos poderán xogar a loitar cos seus Vortex sen grandes complicacións técnicas

PUBLICIDADE