Volven os xogos clásicos (ou ben nunca se foron)

luns, 24 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Dende os primeiros tempos da Internet comezaron a espallarse pola Rede programas dedicados a recrear os xogos dos primeiros tempos. Foi así como chegou o xa coñecido M.A.M.E, programa que acadaba simulacións idénticas dos antigos produtos virtuais de lecer das salas nos nosos ordenadores. Logo deses primeiros programas chegaron os simuladores de consolas e computadores históricos, como o Commodore 64, tralo éxito acadado nunha longa serie de emulacións para lembrar aqueles xogos das décadas dos 80 e 90. É así, vía este tipo de saudade tecnolóxico como se chega ó denominado Abandonware, que, como xa nos podemos imaxinar, non e máis que o software que caeu no abandono, ou case…

Concretamente, en sitios coma Abandonia, ou nas seccións dedicadas en outros sitios de xogos catalogados no ring oficial de Abandonware atopamos versións dos primeiros xogos para as versións dos PCs, aqueles vellos AT e XT con calidade VGA e SVGA. Ademais, ningún dos xogos precisa emulador nin complicadas configuracións para xogar, como acontece con outros emuladores.

PUBLICIDADE