Volven en maio os Dixicontos cun novo programa de relatos en liña dende Ames

mércores, 5 de maio do 2021 S. P.

Volven os Dixicontos a Ames, logo da boa acollida que tivo a iniciativa os meses pasados. Segundo confirmou o Goberno local, as sesións de contacontos online continuarán durante este mes de maio dende as bibliotecas municipais, todos os mércores. As persoas interesadas poden desfrutar das narracións a través da páxina en Facebook das bibliotecas. Este 5 de maio pódese ver Coco y la luna, de Emilio Urberuaga. A iniciativa vén da man do Concello a través das animadoras á lectura Bibiana Calvo e Divina Fernández.
As sesións continúan o día 12 de maio co conto La vocecita, de Michael Escoffier. O día 19 as animadoras á lectura narrarán Riciños de oso, e o mércores 26 lerase o clásico dos Os tres porquiños.
Máis de 1.000 visualizacións por vídeo
Os contos a través da páxina de Facebook comezaron no confinamento da primavera do pasado ano e mantéñense desde o outono ao non se poder realizar actividades presenciais na biblioteca. Agora mesmo, todos os mércores, publícase un novo vídeo, cuxo contido transmite sempre o valor dos libros e da lectura.
A páxina de Facebook da Biblioteca xa conta con 1.705 seareiros e continúa a medrar pouco a pouco xa que comezaron en marzo de 2020 con pouco máis de 600 usuarios/as. Desde o confinamento, e ao levar actividades ao Facebook, aumenta o número de seguidores que tamén quere estar ao día dos horarios e consultar sobre os servizos desde esta páxina.

PUBLICIDADE