Volven as Fast Fordward Sessions de Vodafone, primeiro en Vigo e despois online

mércores, 11 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Vodafone vai organizar este outono dúas novas citas das súas Fast Forward Sessions, o programa de presentacións, demostracións, divulgacións e xeiras de networking tecnolóxicas para as empresas. A xeira máis inminente (a do 26 de setembro) será en Vigo e a segunda, a do 17 de outubro, vaise realizar exclusivamente online por vez primeira. O segundo evento poderase seguir través de streaming a través de vodafonefastforward.es e nel ofrecerase unha clase maxistral de Rodrigo Miranda, director xeral de ISDI, onde aprender as 7 claves para facer medrar o noso negocio na era dixital.
Por outra banda, a operadora informou de que xa está lanzada a convocatoria da cuarta edición dos premios Fast Forward Awards, galardóns que recoñecen o mellor proxecto de dixitalización dun negocio. O obxectivo é premiar PEME ou profesionais que buscan materializar e impulsar os seus proxectos ou ideas na contorna dixital “da maneira máis eficaz, servindo de exemplo para os negocios que veñan despois”, informa Vodafone, engadindo que a inscrición aos premios está aberta até o 22 de outubro.
Este ano, a xeito de novidade, poderanse presentar candidaturas a través dun breve vídeo explicativo de non máis dun minuto de duración. A candidatura gañadora recibirá un premio valorado en 4.000 euros consistente en sesións de adestramento profesional e empresarial e servizos dixitais, que será entregado o 14 de novembro durante o evento en Madrid tras o programa Fast Forward Sessions.
Como dixemos, a máis próxima sesión de Fast Forward será o vindeiro 26 de setembro en Vigo, na que Vodafone contará coa colaboración de entidades como a Cámara de Comercio de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, o Concello de Vigo, AGEINCO, Vigo Emprende e COINTEGA, entre outras.

PUBLICIDADE