Volven a Oleiros, Santiago, A Coruña e Vigo os Digital Transformation Days do ICOIIG

mércores, 23 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) celebrou este martes 22 pola mañá, no centro de coworking Pazo de Arezana de Oleiros (Deputación da Coruña), unha nova edición das súas xornadas Digital Transformation Day. A actividade adicouse a profundar nas tecnoloxías implicadas na transformación dixital e o funcionamento da Industria 4.0. O primeiro relator en intervir foi Pablo Pérez, director de xestión do ICOIIG, quen expuxo o papel do ser humano no proceso de transformación dixital. A continuación, Marcelo Toural, enxeñeiro industrial que traballa como CEO (director executivo) en Krack Zapaterías, falou das principais características da cadea de valor 4.0.
Finalmente, Daniel Prieto, doutor en Enxeñaría Industrial e CEO en Soltec, expuxo como a transformación dixital implica un punto de inflexión (un modelo de disrupción) fronte á evolución convencional, ademais de detallar en que consiste a tecnoloxía de Xemelgos Dixitais (Dixital Twins) para a simulación e análise de procesos industriais.
Esta xornada, con idénticos contidos, repítese hoxe na delegación do ICOIIG en Santiago de Compostela, o vindeiro martes 29 na delegación do ICOIIG na Coruña, e ao día seguinte, mércores 30, na delegación de Vigo. Neste tres casos desenvolverase en horario de tarde, desde as 16:30 até as 21:00 horas. A asistencia é gratuíta e as inscricións pódense formalizar na páxina web www.icoiig.es.
Con esta iniciativa de divulgación formativa, o ICOIIG, a través da súa Oficina de Transformación Dixital, busca “situar ao enxeñeiro industrial como profesional de referencia para afrontar a transformación dixital das empresas e optimizar a súa aplicación contribuíndo á mellora da conta de resultados”.
120 accións
As actividades destes días enmárcanse nun intenso calendario de 120 accións coas que o ICOIIG está a chegar ás sete principais cidades galegas ao longo deste ano 2019. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afonda en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Esta iniciativa execútase en paralelo ao Programa de Axudas Asesores Dixitais, dotado con outro cinco millóns de euros a través do mesmo tipo de Fondos Europeos e ten por obxectivo realizar plans de dixitalización que axuden ás PEME a incorporar o TIC nos seus procesos: xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico e dixitalización de servizos ou solucións.

PUBLICIDADE