Volve #ApuntasTech co obxectivo renovado de fomentar as vocacións tecnolóxicas femininas

xoves, 13 de febreiro do 2020 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL lanzan a segunda edición do concurso #ApuntasTech?, o certame destinado a promover vocacións tecnolóxicas femininas e impulsar, deste xeito, a presenza das mulleres nas carreiras STEM, hoxe en día en retroceso.
Máis polo miúdo, o obxecto principal do concurso é “xerar un catálogo de propostas concretas que axuden a espertar o entusiasmo pola tecnoloxía e alentar as vocacións tecnolóxicas temperás, principalmente entre as nenas de 10 a 15 anos (5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de Secundaria)”.
Este concurso enmárcase dentro das actividades do oitavo Día das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), que se celebrará o vindeiro 23 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet.
Toda a información e instrucións para participar no evento está publicada na web da devandita iniciativa conmemorativa.
Gozar as novas tecnoloxías
O certame trata de escoitar e recoller as ideas das e dos protagonistas para gozar das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) na aula de “forma transversal, variada e inclusiva”. Este catálogo de ideas, informan as entidades convocantes, “será un recurso de gran utilidade para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc”.
Logo farase unha escolma das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos online.
O obxectivo é achar “propostas divertidas, apaixonantes e innovadoras”, informan as entidades, engadindo que as contribucións deberán ter en común “facer uso das TIC de forma creativa, tanto con software como hardware, onde o uso da tecnoloxía non sexa unicamente o seu obxectivo final, senón un medio, e sexa posíbel levalas a cabo no contexto escolar (en tempo, orzamento…)”
Bases e máis información
O concurso conta con catro categorías, dúas para estudantes (Primaria –equipos de 2 a 6 nenos e nenas de 5º ou 6º, cun mínimo do 50% de nenas–, Secundaria –equipos de 2 a 6 rapaces e rapazas de 1º a 4º da ESO ou Bacharelato, cun mínimo do 50% de rapazas– e dúas para adultos (centros educativos e outros centros/institucións). Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits.
A convocatoria estará aberta para recibir propostas até o 15 de abril.
As propostas deben enviarse a concurso.apuntastech@cesga.gal.

PUBLICIDADE