Voluntarios dixitais formarán aos reclusos dos centros penitenciarios galegos

luns, 19 de agosto do 2013 Redacción

JPEG - 50.6 KB
Imaxe dunha das actividades formativas impartidas por MeLiSA

O Programa Voluntariado Dixital, en colaboración coa Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) impartirá entre setembro e decembro obradoiros sobre tecnoloxía e software libre nos centros penitenciarios de Bonxe (Lugo), Teixeiro (A Coruña), Pereiro de Aguiar (Ourense), A Lama (Pontevedra) e os Centros de Inserción Social Carmen Avendaño de Vigo e Carmela Arias y Díaz de Rábago de A Coruña. A iniciativa Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos, enmarcada nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, arrancou o pasado mes de xullo no centro penitenciario de Monterroso, en Lugo, no que 10 internos recibiron formación da man dos integrantes de MELISA.
O proxecto ten como obxectivo promover a inserción laboral dos reclusos á saída de prisión, ofrecendo aos asistentes formación e práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e no eido do software libre. A primeira aplicación práctica desta formación foi a reparación de equipamento informático que pasará a formar parte dunha nova aula informática con software libre na prisión de Monterroso.
O programa formativo estrutúrase tres obradoiros tecnolóxicos, que permitirán que os internos das prisións galegas adquiran os coñecementos básicos para poder identificar os compoñentes dun ordenador, instalar e configurar un sistema operativo libre.
A través destes obradoiros, de 3 días de duración, os internos das prisións poderán finalmente verificar o funcionamento de equipos informáticos cos que conta o seu centro penitenciario respectivo para poñer en marcha un aula de informática con software libre e xestionada por eles mesmos.
Para poder acadar os niveis de calidade desexados, seleccionarase un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, e en colaboración coa dirección de cada centro. Con eles, formularase un grupo de traballo intensivo, con atención personalizada e conexión permanente na práctica co equipo de formación.
Desde a Asociación MELISA, destacan a receptividade da iniciativa por parte dos reclusos do Centro de Monterroso, o primeiro no que impartiron formación xa que os ”asistentes adquiren novos coñecementos e os cursos impartidos tamén son útiles para estar entretidos e poder desconectar un pouco da súa rutina diaria” e subliñan que “demandan máis horas dende o primeiro día de clase”. En canto ao perfil dos participantes nos cursos, desde a Asociación sinalan que os interesados en participar só teñen que ter coñecementos de informática, e que o requisito é “que se manexen minimamente cun teclado e un rato”.

PUBLICIDADE