Vodafone xa ten 3,2 millóns de liñas activas da Internet das Cousas

venres, 26 de febreiro do 2021 Redacción

Vodafone fixo reconto dos seus últimos fitos en materia da Internet das Cousas (IoT), unha tecnoloxía pola que ten apostado forte a operadora poñendo o foco no importante potencial dos obxectos conectados para acadar, en boa medida, actividades produtivas e enerxéticas mellor xestionadas e sustentábeis. En concreto, a compañía pechou decembro de 2020 con 3,2 millóns de liñas activas da Internet das Cousas, o que supuxo 480.000 novas liñas desde que comezase o seu ano fiscal en abril.
Estes datos reflicten un incremento do 35% respecto ao mesmo período do ano anterior, e mostra a tendencia á alza da operadora neste segmento de mercado.
A nivel mundial, de feito, Vodafone conecta 118 millóns de dispositivos con IoT.
En canto á distribución por sectores, están á cabeza en captación de liñas IoT os negocios relacionados coa seguridade, a banca e o ámbito do smart metering, eidos seguidos da agricultura e a sanidade.
Unha das claves do éxito de Vodafone neste mercados semellan ser as súas solucións IoT sobre a Plataforma Global M2M, unha ferramenta que permite prestar un servizo integral de xestión de conexións IoT en todo o mundo desde España ou o país onde radique o cliente. “Isto fai posíbel ofrecer ás empresas unha gran flexibilidade na súa capacidade de autoxestionar as conexións, xa que pode monitorizar o estado de cada SIM en tempo real”, explica a compañía.
Beneficios ambientais do uso da tecnoloxía de Vodafone
Vodafone fai saber que a maioría dos beneficios ambientais derivados do uso da tecnoloxía están asociados á redución das emisións de CO2 “como resultado dunha diminución no consumo de electricidade, gas e combustíbeis”, aínda que tamén poden ter ligados outros beneficios ambientais como a redución ou a optimización nos consumos de recursos como a auga, materias primas, residuos, etc, e a mellora dos procesos de economía circular e economía colaborativa, así como outros relacionados co desenvolvemento da poboación en zonas rurais ou deshabitadas.
“A tecnoloxía e servizos de Vodafone proporcionan aos seus clientes empresariais os medios suficientes para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro”, apunta a empresa. Inclúense no grupo de recursos IoT os medidores intelixentes de enerxía (que permiten ás empresas, autoridades municipais e fogares administrar e reducir o seu uso de enerxía), as Cidades Intelixentes (conectadas para mellorar a eficiencia dos servizos intensivos de enerxía, como o transporte público, as redes de estradas e a iluminación) ou as tecnoloxías IoT integradas en vehículos para optimizar a xestión de rutas, o mantemento e o desempeño dos condutores, o que ofrece un aforro no consumo de carburantes de até un 30%, entre outros.

PUBLICIDADE