Vodafone quere que a súa rede en Europa sexa cen por cen ecolóxica no prazo dun ano

venres, 17 de xullo do 2020 S. P.

A operadora Vodafone quere ser parte activa da transformación ecolóxica das grandes empresas. Este venres 17 anunciou que para xullo de 2021 a súa rede en Europa “funcionará ao cen por cen con enerxía eléctrica renovábel”. Ao mesmo tempo, a previsión é crear unha Rede Gigabit Ecolóxica en 11 mercados, unha infraestrutura de medre sustentábel que empregará, unicamente, fontes de abastecemento eólicas, solares e hidroeléctricas.
Outro dos obxectivos da operadora é conseguir igualmente que os clientes empresariais da compañía reduzan teman as súas propias emisións de carbono: un total acumulado de 350 millóns de toneladas en todo mundo nun prazo de dez anos, de aquí a 2030.
O anuncio deste venres 17 de xullo implica un aceleramento dos plans green da operadora, que sae ao paso, deste xeito, ao aviso da comunidade científica internacional de que se están a cumprir as peores previsións en materia de degradación ambiental no planeta e efecto invernadoiro. Esta política ecolóxica de Vodafone reflectiuse o ano pasado no seu compromiso de reducir á metade a súa pegada de carbono en 2025 e de reutilizar, revender ou reciclar o 100% dos residuos que xera a súa rede.

PUBLICIDADE