Vodafone proba uns pantalóns e un saco de durmir como dispositivos de carga para o móbil

xoves, 13 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Ata 2.000 persoas á vez poden cargar o seu móbil á vez no camión de recarga de VodafoneVese que os festivais de verán son unha oportunidade magnífica para que os operadores de telefonía móbil amosen tecnoloxías innovadoras, e ao igual que hai uns anos Orange presentaba o seu Power Pump co gallo do Festival de Glastonbury, agora é Vodafone quen aproveita as celebracións na Illa de Wight para facer o propio, o que xa resulta evidente ao facer alí acto de presenza do camión de recarga da compañía, que fan parada en grandes encontros onde resulta doado esgotar a batería do móbil para ofrecer os seus clientes a posibilidade de facer unha recarga. Este impresionante camión de Vodafone permite cargar ata 2.000 móbiles á vez, servizo que a compañía británica ofrece de balde aos seus clientes, esperando cargar uns 72.000 teléfonos durante este verán.

JPEG - 255.5 KB
A enerxía que pode xerar un peto dun pantalón pode servir para incrementar a autonomía do noso móbil

Pero o camión de Vodafone non é a única tecnoloxía de recarga que está a amosar a compañía, senón que tamén está a dar a coñecer un accesorio interesante, o Power Pocket, un peto para a recarga de dispositivos que pode incorporarse nun saco de durmir e nuns pantalóns curtos grazas ao traballo do Departamento de Ciencia Informática e Electrónica da Universidade de Southhampton. Este peto que xera enerxía para cargar o móbil baséase no efecto termoeléctrico (concretamente o efecto Seebeck), ou sexa, aproveita a temperatura do corpo humano para producir electricidade, de xeito que 8 horas durmindo nun saco de durmir cun Power Pocket podería dar a un móbil enercía para falar 24 minutos (ou ter o móbil 11 horas en espera) mentres que ao aplicar esta tecnoloxía a un peto dun pantalón curto nunha xornada de paseo e baile poderiamos poderíamos dar a un smartphone 4 horas máis de autonomía.

JPEG - 202.7 KB
Integrando o Power Pocket nun saco de durmir podemos aproveitar a calor do noso corpo para cargar o móbil de noite

Estas solucións están a probarse este verán no Reino Unido, experiencia que serve para comprobar o seu comportamento na práctica, centrándose agora os esforzos dos investigadores en conseguir que esta tecnoloxía sexa o suficientemente resistente para o noso día a día, podendo chegar a casar no futuro cos distintos dispositivos electrónicos que poderemos vestir no futuro.

PUBLICIDADE