Vodafone ofrece en Reino Unido dispositivos Apple TV aos usuarios de combinados baseados en banda larga móbil

mércores, 4 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver como os operadores de telecomunicacións foron transformando os seus receptores de televisión dende enormes trebellos semellantes a un reprodutor de VHS até dispositivos do tamaño dun Discman, que xa non precisan da incorporación de unidades de disco no seu interior, xa que os seus contidos almacénanse na nube.
O feito de que o servizo de televisión chegue a través da Rede fai que o receptor en si mesmo perda relevancia, e ao igual que algunhas compañías permite substituír os descodificadores por unha aplicación para Smart TV, dende Vodafone en Reino Unido permiten agora que tamén sexa posible gozar dos seus contidos a través dun Apple TV, chegando até o punto de que ofrecen este dispositivo de balde (incluíndo un ano do servizo Apple TV+) para clientes da súa tarifa Vodafone Together con chamadas ilimitadas a fixos e móbiles (e baseado en banda larga móbil).
A integración de numerosos servizos televisivos nun único dispositivo busca achegar unha mellor experiencia de usuario, pero aínda que Vodafone sexa un operador con presenza en varios países europeos, non parece que esta promoción británica vaia chegar en breve a mercados como o español, xa que Vodafone está estes mesmos días a actualizar a súa plataforma de televisión, na que é posible integrar contidos de HBO, Netflix e Amazon Prime, polo que o salto a Apple TV non suporía unha vantaxe substancial que fose máis aló de poder gozar de Apple TV+ (que aínda ten un catálogo de contidos moi reducido como para ser reclamo dabondo para un cambio tan importante).

PUBLICIDADE