Vodafone lanza Curve, un novo localizador GPS que nos permite poñer fin ao extravío das nosas cousas

xoves, 16 de xullo do 2020 S. P.

Vodafone España lanzou esta semana un novo localizador GPS intelixente. Trátase do localizador Curve, o primeiro dispositivo da nova estratexia de produtos smart deseñados e conectados pola operadora, a estratexia Designed & Connected by Vodafone, que, segundo fai saber a compañía de telecomunicacións, “combina a conectividade cun deseño líder na industria”. Segundo engade a operadora, é un aparello versátil e de pequeno tamaño, que bota man da tecnoloxía da Internet das Cousas (IoT) e que se pode empregar en localizar obxectos (chaves, bolsos, maletíns, etc), vehículos (coches ou motos), mascotas, ou seres queridos como nenos ou maiores.
Como dixemos, Curve trátase do primeiro membro dunha nova familia de produtos intelixentes: Designed & Connected by Vodafone, unha gama que reflicte “nova identidade creativa en canto a hardware, software e comunicación” e que vén cunha máis que ambiciosa previsión: levar ao mercado, para 2027, un total de 41 000 millóns de dispositivos avanzados.
Curve destaca por ser un obxecto de gran utilidade para evitar extravíos: “Cunha media de catro obxectos perdidos por persoa ao mes, principalmente as chaves, o novo localizador GPS supón un alivio para aqueles que queren manter as súas cousas controladas”. Entre outros elementos, dispón dun deseño innovador, é lixeiro e conta cunha batería de até sete días de duración, un botón de aviso inmediato, e un accesorio tipo chaveiro para enganchalo a calquera obxecto.

PUBLICIDADE