Vodafone instala en Madrid un dos primeiros nodos 5G do mundo

venres, 21 de setembro do 2018 Redacción

Hoxe celebrouse en La Nave (Madrid) a terceira edición de #Barbac0d1ng, evento con numerosas actividades relacionadas co impacto do 5G nas tecnoloxías máis disruptivas, aproveitando o encontro Vodafone para anunciar que as instalacións contan cun dos primeiros nodos de rede 5G do mundo.
Este despregamento de Vodafone España realizouse en colaboración con Huawei, e supón unha gran oportunidade para empresas, startups e centros de investigación xa que poden así tirar proveito dun dos primeiros nodos 5G que se instala no mundo, aberto aos innovadores que queiran testar, prototipar e/ou explorar as súas tecnoloxías nunha contorna real.
Vodafone creou un sistema de rede móbil autónoma programable (OPEN CrowdCell) do tamaño dun libro, grazas ao cal os participantes do #Barbac0d1ng puideron programar múltiples aplicacións de software durante a actividade Learn how to build your mobile networks. Ademais, anunciouse unha hackaton internacional, que se inaugurou hoxe e que se desenvolverá nos vindeiros meses, culminando cun grande evento en febreiro de 2019 en La Nave.
Outro anuncio da operadora foi a campaña de micromecenado, en colaboración con Lime Mycrosystems, para popularizar o desenvolvemento de aplicacións móbiles que serán clave para o 5G, incluíndo a dispoñibilidade a baixo custo dunha primeira versión de OPEN CrowdCell.

PUBLICIDADE