Vodafone impulsa un robot que axuda a previr a COVID-19 empregando a súa rede 5G

mércores, 27 de xaneiro do 2021 S. P.

A tecnoloxía 5G, tan criticada polos negacionistas e os conspiracionistas da COVID-19, é a protagonista, ironicamente, dunha nova tecnoloxía que axuda a previr o coronavirus e que foi presentada este días polos seus principais responsábeis: Vodafone, Intel, Fivecomm e Altran. En resumo, estariamos a falar dun robot conectado ao 5G de Vodafone con capacidade para circular con contornas onde haxa xente e avaliar se cumpren coa normativa de seguridade para a prevención da COVID-19. No labor de supervisión do Robot COVID 5G (sería un robot sentinela a medio camiño entre a vixilancia e o cometido sanitario) detecta se os viandantes levan máscaras correctamente colocadas e toma a temperatura corporal.
O proxecto desenvolveuse de maneira conxunta entre Vodafone, que achega toda a infraestrutura de conectividad 5G, Intel, que colaborou cos seus procesadores Xeon SP e Core, e a súa ferramenta OpenVINO, Fivecomm (nova firma innovadora nada no seo da Universidade Politécnica de Valencia), que proporcionou a súa solución de condución remota sobre un robot móbil ao que integrou na rede 5G de Vodafone, e Altran, referente internacional en servizos de enxeñaría e I+D; e parte do Grupo Capgemini, que achegou a parte do recoñecemento facial e a medición de temperatura.
O robot leva incorporado un sensor de imaxes que permite, mediante recoñecemento facial, identificar persoas que non levan máscara, así como unha cámara térmica que detecta quen ten temperatura corporal máis alta do habitual. Coa tecnoloxía de Vodafone da nova xeración de redes de telecomunicación, eses datos son enviados a unha intelixencia de control centralizada, localizada na rede da operadora mediante tecnoloxía Edge Computing, “o que facilita unha resposta inmediata en milisegundos”, explica a operadora, engadindo que a información achegada é procesada para poder xerar alarmas que serían tratadas nun punto de control remoto. “O operador remoto pode entón xestionar esas alarmas mediante unha serie de accións, que funcionan sobre a rede 5G para facer cousas como por exemplo conversar coa persoa identificada en tempo real a través dun dispositivo aloxado no robot”, informa Vodafone, engadindo que “o escenario de baixa latencia e alto rendemento da rede 5G permite tamén unha condución remota do robot desde o punto de control para achegalo a aquelas persoas coas que se queira interactuar de forma máis próxima”.


PUBLICIDADE