Vodafone habilitará armarios intelixentes na Praza de Abastos de Vilagarcía

martes, 17 de setembro do 2024 S. P.

A Praza de Abastos de Vilagarcía estreará antes de que finalice o ano o novo servizo de armarios individuais (taquillas) intelixentes refrixeradas destinadas a facilitar as compras á clientela do mercado público municipal. O Goberno local vén de adxudicar o subministro e instalación dos equipos á empresa Vofadone España SAU por importe de 46.101,12 euros (IVE incluído).
Ademais de rebaixar o prezo de licitación en 14.398,88 euros, a oferta inclúe como melloras o incremento de 3 anos adicionais aos períodos de garantía e de soporte. A adxudicataria dispón do prazo de 2 meses para adxudicar a obra.
Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica para continuar modernizando e mellorando a Praza de Abastos. A acción finánciase con fondos Next Generation concedidos ao programa Vilagarcía Viva no marco do Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia e dentro da liña de proxectos de mellora, revitalización e resiliencia de mercados tradicionais e zonas comerciais urbanas.
O novo equipamento ten como finalidade mellorar a experiencia de compra do cliente e evitar desprazamentos innecesarios co obxectivo de reducir as emisións de CO2, seguindo as políticas europeas que buscan a sustentabilidade e promoven a economía circular.
O equipamento estará fabricado integramente en aceiro e formado por 15 armarios individuais, 10 das cales contarán con sistema de refrixeración (graduábel de 2 a 8 grados centígrados) e 5 serán neutras, a temperatura ambiente.
Todos os compartimentos contarán con pantalla táctil, lector QR e teclado para introducir códigos de forma manual.
O contrato inclúe o subministro, instalación, hardware, software, posta en marcha e soporte do sistema modular.