Vodafone estreará comercialmente o 5G en Reino Unido o 3 de xullo

martes, 14 de maio do 2019 Marcus Fernández

A tecnoloxía móbil 5G non pretende ser unha realidade comercial até ben avanzado o ano 2020, tanto pola fala de infraestruturas como de dispositivos compatibles, pero dende Vodafone queren estar á cabeza da nova revolución das telecomunicacións, e anuncian que en Reino Unido van iniciar o servizo 5G o vindeiro 3 de xullo, ofrecendo tamén itinerancia sobre 5G en Reino Unido, Alemaña, Italia e España no verán.
O servizo 5G de Vodafone botará a andar inicialmente en Birmingham, Bristol, Cardiff, Glasgow, Manchester, Liverpool e Londres, estando previsto que antes de rematar o ano leven o servizo a Birkenhead, Blackpool, Bournemouth, Guildford, Newbury, Portsmouth, Plymouth, Reading, Southampton, Stoke-on-Trent, Warrington e Wolverhampton.
A compañía británica asegura que polo momento o prezo do 5G será igual que o do 4G para clientes particulares e corporativos, ofrecendo as novas conexións en tendas a partires do verán, pero poñendo xa á venda smartphones 5G a semana que vén. Tamén venderán routers 5G, que permitirán que fogares ou oficinas sen banda larga fixa poidan conectarse á Rede.
Os primeiros smartphones con 5G que venderá Vodafone serán o Mi Mix 3 5G (á venda a partires do 23 de maio), o Samsung S10 5G e o Huawei Mate 20 X 5G (que poderán reservarse a finais de mes), aos que no verán sumarase o Huawei Mate X 5G e o router 5G Gigacube (exclusivo de Vodafone).
Dado que este anuncio británico inclúe roaming en España podemos entender que nos vindeiros días Vodafone España anunciará o seu calendario de lanzamento comercial do 5G nas meirandes cidades do Estado.

ACTUALIZACIÓN: Vodafone España confirma que no verán chegará o 5G a España ofrecendo 10 veces máis velocidade que as conexións 4G actuais e chegando inicialmente ás cidades que forman parte dos seus plans piloto: Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Bilbao e Valencia.

PUBLICIDADE