Vodafone estaría a conseguir captar clientes de Movistar con ofertas moi agresivas

martes, 25 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Nas últimas semanas os operadores de telecomunicacións potenciaron as súas ofertas de cara ao comezo de curso, para así captar novos clientes, e aínda que a meirande parte das promocións fixéronse con publicidade, unha das ofertas que parece estar ter un éxito máis evidente é a que facían de xeito privado a clientes de Movistar, aos que, por abandonar a compañía, ofrecíanlles un 50% de desconto sen limitación de tempo.
Aínda que normalmente estas campañas pasan desapercibidas, desta volta chegaron aos medios xa que numerosos consumidores están a dar conta de retrasos de até 15 días na xestión das portabilidades, en vez dos 2 días que leva o proceso habitualmente, o que semella unha consecuencia directa do éxito desta promoción.
En agosto Vodafone perdeu uns 94 mil subscritores, probablemente como consecuencia da guerra do fútbol, á que estarían a responder con estas novas promocións que son tan atractivas para os usuarios que están a colapsar o departamento de portabilidades da compañía.
Os esforzos de Vodafone van dirixidos claramente a captar clientes de Movistar porque a compañía gañou 68.700 clientes en agosto, en boa medida por promocións que incluían fútbol televisado e que a propia Vodafone denunciou ante a CNMC por considerar que atentaban á competencia.

PUBLICIDADE