Vodafone e Movistar lanzan de xeito simultáneo Internet móbil de até 21 megas

martes, 10 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Os dispositivos como os smartphones pedían a berros servir para algo máis que como híbridos entre móbiles e computadores, algo máis útiles cós primeiros pero limitados en comparación cos segundos por mor dunhas redes propias que non ofrecían as mellores garantías de velocidade. Porén, semella que unha parte dos atrancos veñen de ficar atrás, e máis se atendemos ao anuncio feito hoxe a dúas bandas (pero non en compañía) por Telefónica e Vodafone no que (entre outras cousas) dáse a coñecer a posta en marcha do seu servizo HDPA+, dixirido a acurtar a distancia funcional que afasta aos dispositivos con conexión telefónica dos aparellos con rede fixa ou Wi-Fi.
Máis polo miúdo, o servizo pon en xogo unha conexión por móbil a Internet a unha velocidade de 21 megabit por segundo (Mbps), o que achega unhas condicións tres veces mellores cás que subministra a rede que coñecemos. Isto significa basicamente dúas cousas: que a competencia entre as dúas operadoras vai subir un novo chanzo (veñen de entrar nun deses mercados nos que se entra xeralmente fregando unha palma da man contra outra) e que para descargar unha película non teremos que pedir un día libre. En detalle, poderemos facelo en aproxidamente cinco minutos se o filme en cuestión non vai alén dos 700 megas.
Imos dar conta agora das achegas concretas de cada unha das operadoras:
· Telefónica. Pon en marcha o seu servizo esta mesma semana. Ao parecer, só estará dispoñible nun principio para o eido das empresas, e, de estas, unicamente as que teñan sede en Madrid e Barcelona. Segundo contan medios como El Pais, está previsto que ao longo do ano que vén a tecnoloxía se vaia asentando nas cidades de máis de 250.000 habitantes, o que loxicamente incluiría á Coruña e a Vigo. Deste xeito, e (todo sexa dito) axudando ben pouco a superar fendas dixitais entre os espazos urbanos e os rurais, a finais de ano tódalas grandes cidades do Estado español terían acceso á tecnoloxía, o que represnta o 70% da poboación.
Respecto a prezos, Movistar achega unha tarifa plana para particulares de 49 euros ao meso con fluxo ilimitado de de datos até un tope de 10 xigas. A partir de aí, as condicións de acceso caen até os 128 Kbps.
· Vodafone semella asumir un camiño menos corporativo e menos limitado dende o punto de vista xeográfico. A partir de hoxe mesmo, a empresa achega velocidades de 14,4 Mpbs en Barcelona, Madrid, Zaragoza, Valencia, Bilbao, Sevilla e Málaga, e non só para empresas senón para tódolos tipos de clientes. Asemade, achegaralles accesos de 21 Mpbs ás áreas de tráfico denso de poboación. A idea é aplicalo todo en breve ás 30 principais cidades. Polo que atinxe aos custes, dicir que a operadora achega a Tarifa Plana Navega Plus para acceder a Internet (unicamente) por 39 euros, con tráfico sen límites até os 4 xigas. Asemade, Vodafone pon en xogo a Tarifa Navega e Fala, por 49 euros, que, como o seu propio nome indica, tamén deixa marxe para facer chamadas a fixos nacionais, sendo as condicións de fluxo de datos exactamente iguais.

PUBLICIDADE