Vodafone descúlpase perante 9.000 usuarios por un twitt homófono

luns, 8 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Moitas veces (por desgraza máis das que nos gustaría) a realidade supera á ficción e os xornais teñen que facerse eco de novas que temos que ler unha e outra vez para cerciorarnos de que non se trata dunha broma ou dun erro de redacción. Desta volta, o diario The Guardian, tivo que dar conta dunha nova na que asegura que a division do Reino Unido de Vodafone se veu na obriga de pedir desculpas a miles de usuarios a causa da difusión dunha mensaxe obscena a través da rede de microblogging Twitter; un servizo que a compañía emprega para atender as reclamacións e queixas dos seus aboados.
Segundo informa o xornal, un empregado de Vodafone insertou unha mensaxe de contido homófono contra o colectivo homosexual que lle chegou por erro a máis de 8.000 persoas usuarias en lugar da información que solicitaran sobre os modelos de teléfonos dispoñibles na compañía.
Pese a que a operadora apresurouse a correxir o erro e borrar a mensaxe, moitos usuarios lograron gardar unha copia que difundiron posteriormente a través da Rede, antes de que Vodafone enviara unha desculpa individual a cada un dos usuarios afectados.
A nota aclaraba que a compañía “non fora hackeada” (tal e como crían moitos usuarios), senon que “un quebrantamento grave das novas internas por parte de alguén de persoal fora o responsable desta mensaxe”.
A compañía, que lle pide aos seus usuarios que “sigan confiando” nela, suspendeu ao seu empregado “ata novo aviso” e retomou de novo as súas actividades cotiás.

PUBLICIDADE