Vodafone convértese no primeiro operador de España e vender oficialmente móbiles de Xiaomi

mércores, 23 de maio do 2018 Marcus Fernández

O pasado mes de setembro Xiaomi presentou o seu smartphone Mi MIX 2, que converteuse en todo un referente en deseño dentro da tendencia actual de maximizar o espazo ocupado pola pantalla na súa parte frontal, xa que a súa xenerosa pantalla de 5,99 polgadas carece de bordes laterais e superior, chegando a ocupar o 80,925% da superficie frontal. Agora que Xiaomi conta con distribución oficial en España non só vai vendelo con normalidade en numerosas tendas físicas e dixitais, senón que por primeira vez introduce oficialmente un dos seus móbiles no catálogo dun operador, concretamente de Vodafone, que esta semana comezará a ofrecer o terminal sen compromiso de permanencia, co mellor prezo libre do mercado, coa opción de pago aprazado sen xuros e con 3 meses de seguro de protección total de regalo.
A versión básica do Mi MIX 2, con procesador Qualcomm Snapdragon 835, 6 GB de RAM, 64 GB de almacenamento e cámara con sensor Sony de 12 Mpíxeles e estabilizador óptico de 4 eixes poderá mercarse por 399 euros, aínda que tamén cómpre destacar que a versión Premium (con 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento e corpo cerámico) tamén estará dispoñible, polo momento, en exclusiva a través de Vodafone.
Coa asociación entre Xiaomi e Vodafone o fabricante chinés consegue unha maior penetración no mercado español, onde xa conquistou o terceiro posto en vendas, mentres que Vodafone mellora a súa oferta de terminais, incluíndo unha marca moi demandada no noso territorio.
Aparte do prezo, dende Vodafone ofrecer un servizo postvenda de reparación en menos de 5 días nas súas tendas, o que semella garantía máis que suficiente para moitos para atreverse a adquirir un teléfono de marca chinesa.

Wang Xiang (Xiaomi) e Nuno Taveira (Vodafone) anunciaron a alianza entre as súas compañías

PUBLICIDADE