Vodafone conectará 36 novos concellos galegos á súa 5G, chegando a un total de 255

xoves, 13 de marzo do 2025 S. P.

Vodafone España compartiu máis detalles da súa folla de ruta para ampliar a rede 5G en Galicia, sendo o obxectivo a curto prazo “ofrecer unha conectividade máis rápida, estable e eficiente” a 36 novos municipios, alcanzando un total de 255 municipios galegos coa súa rede 5G.
A operadora engade que este avance supón superar os compromisos de despregadura inicialmente previstos e que forma parte do plan da compañía de alcanzar ao 90 % da poboación e conectar máis de 3.700 municipios en España antes do 31 de decembro de 2025.
No seu balance de obxectivos Vodafone detalle que para esta despregadura emprega a frecuencia 5G de 700 MHz con vistas a mellorar a cobertura especialmente en interiores de edificios, proporcionando gran dispoñibilidade de largo de banda e de transmisión de datos, “o que supón unha enorme vantaxe en contornas rurais e pequenas localidades”.
Grazas a esta tecnoloxía, os usuarios poderán descargar contidos 5 veces máis rápido que coa rede 4G, gozar de mellor cobertura e servizo en interiores, e experimentar unha latencia reducida, o que facilita o acceso aos contidos. Con esta implementación, engade a operadora, “non só melloramos a calidade da conectividade, senón que tamén contribuímos a reducir a brecha rural e impulsar a transformación dixital das empresas”.
“A rede 5G chegará este ano a 36 novos municipios galegos, ata un total de 255, co obxectivo de reducir a fenda dixital e proporcionar conectividade para todos, creando unha contorna que favoreza o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras que impacten positivamente no día de día das persoas, das empresas e das administracións” destacou Julia Velasco, Directora de Tecnoloxía e Operacións de Vodafone España.
Os municipios que comezarán a gozar de conectividade 5G son:
A Coruña - Boimorto, Dumbría, Frades, Mazaricos, Muxía, Santiso, Vedra.
Pontevedra - Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Cuntis, Fornelos de Montes, Agolada, A Guarda, Moraña, Ponte Caldelas, O Rosal, Silleda, Tomiño.
Ourense - Amoeiro, Avión, Bande, Cortegada, Cualedro, A Gudiña, Oímbra, Padrenda, A Pobra de Trives, San Amaro, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio.
Lugo - A Fonsagrada, Ourol.