Vodafone Smart Speed 6, un novo teléfono económico que tira proveito do 4G

luns, 31 de agosto do 2015 Redacción

Vodafone España anuncia o lanzamento do Vodafone Smart Speed 6, o novo smartphone da familia Vodafone Smart con pantalla de 4,5 polgadas, 4G a 150Mbps, e Android 5.0, pensado para todos aqueles usuarios que queiran gozar da mellor conexión 4G a un prezo reducido.
O Vodafone Smart Speed 6 conta cunha pantalla de inicio sinxela e visualmente atractiva, cunha diagonal de 4,5 polgadas, unha resolución de 854 s 480 píxeles, acceso ás funcionalidades máis solicitadas e un deseño intuitivo. Foi fabricado por Alcatel e xa está dispoñible por 0 euros con calquera plan Red ou Vodafone One (podendo adquirirse sen compromiso de permanencia por 99 euros) co obxectivo de popularizar a banda ancha ultrarrápida 4G.
Este novo smartphone incorpora unha cámara traseira de 5 Mpíxeles e unha cámara frontal de 2 Mpíxeles. Igualmente conta con 8 GB de memoria interna (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 GB), 1 GB de memoria RAM e un procesador MTK6735M de Mediatek de catro núcleos a 1.1 GHz. A batería extraíble do terminal é de 1.780 mAh.
Para que os usuarios poidan gozar dos mellores servizos que ofrece Vodafone, o novo Vodafone Smart Speed 6 é compatible con Call+, Backup+ en Dropbox, Secure Net e Voz HD. Ademais, os usuarios que o adquiran xunto coas tarifas Red, poderán gozar sen custo de Napster durante 3 meses ou 2 anos.

PUBLICIDADE