Vivo presenta un móbil conceptual que adianta como serán os móbiles os vindeiros anos

venres, 28 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

No MWC de 2018 o fabricante chinés Vivo sorprendera presentando un móbil conceptual todo pantalla, que sentaría as bases sobre as que se construiría o Vivo Nex, e agora parecen estar a repetir a xogada, presentando o Vivo APEX 2020, outro móbil conceptual que ve a luz estes días aínda que non se celebre o Mobile World Congress, e que sería unha interesante ollada ao futuro, xa que estamos ante un terminal con lector de pegadas en pantalla, 5G, pantalla AMOLED sen marcos laterais (con botóns virtuais nos laterais), carga sen fíos de 60 watts e un deseño sen botóns á vista (nin portos) que buscaría sorprender coas súas cámaras, xa que na súa ofrecerían un zoom óptico continuo entre o rango de 5x e 7,5x e unha cámara gimbal de 48 Mpíxeles, ou sexa, que na propia estrutura da cámara habería un estabilizador óptico de imaxe moi superior ao que estamos afeitos; mentres que a cámara frontal estaría integrada na pantalla de xeito invisible. A cámara tamén contaría cunha tecnoloxía de borrado de persoas no fondo, evitando así o chamada photobombing (que alguén en segundo plano poida estragar unha instantánea).
Aínda que este produto non chegue ás tendas nesta forma, deixa claro que Vivo ten desenvolvido un deseño que iría na liña que seguirán moitos fabricantes nos vindeiros meses, facendo que cada vez os smartphones sexan simplemente unha pantalla táctil acompañada por unha serie de cámaras, eliminando moitos outros elementos que cada día resultan máis superfluos grazas aos avances das tecnoloxías sen fíos.
Un detalle que tamén pode sorprender deste smartphone é que non precisa de perforacións para os altofalantes na súa frontal, o que mellora a súa protección contra líquidos e po. Os seus micrófonos tamén conseguen facer algo semellante ao enfoque automático das fotografías (centrándose no son que queremos recoller e reducindo o ruído de fondo).
Probablemente de cara o verán veremos algún smartphone de Vivo que tire proveito de varias destas tecnoloxías, deixando claro que os fabricantes chineses poden innovar, e que cada día estamos máis preto da irrelevancia do deseño externo dos smartphones.

Vídeo no que podemos ver o Vivo APEX 2020

PUBLICIDADE