Vivo amosa en Las Vegas un sensor de pegadas dixitais integrado en pantalla

xoves, 11 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os lectores de pegadas dixitais que poden integrarse detrás das pantallas avanzan para converterse en breve nunha realidade, e a tecnoloxía da que daban conta o pasado xuño que consistía nun sensor ultrasónico desenvolvido por Qualcomm parece que non será finalmente a que antes chegue ao mercado, pois o fabricante chinés Vivo xa ten un prototipo de teléfono moi próximo a produción que incluiría un sensor óptico detrás da súa pantalla OLED.
Este novo sensor desenvolvido por Synaptics empregaría a propia pantalla do teléfono para iluminar as pegadas dixitais e recoñecelas opticamente, de xeito que os fabricantes poderán continuar a gozar do recoñecemento de pegadas en terminais con pantallas case sen marcos, sen ter que mover o sensor á parte traseira e sen ter que mudar de tecnoloxía de identificación como fixo Apple co iPhone X.
Vivo decidiu situar o sensor de pegadas na parte inferior da pantalla, para manter a posición tradicional deste sensor e que a fricción do usuario sexa o menor posible, aínda que cómpre salientar que o sensor CMOS de Synaptics só é compatible con pantallas OLED, de xeito que non é unha solución que poderemos ver en breve en todos os novos smartphones, senón só nuns poucos escollidos.

PUBLICIDADE