Vitae organiza online a décima edición do seu curso sobre a biblioteca ITIL

martes, 9 de febreiro do 2021 S. P.

Quen queira adicarse ao desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos avanzados ten que ter sempre presente algo máis que o factor formación, un factor por outra banda fundamental. Seranlle precisos mecanismos e metodoloxías axeitadas que garantan as mellores prácticas de traballo, axudando a facer compatíbel a creatividade coas pautas preestablecidas. Nisto ten moito que dicir a biblioteca ITIL (IT Infrastructure Library polas súas siglas en inglés), unha referencial fonte de información e recursos sobre as mellores prácticas para a administración de servizos de tecnoloxías da información, cun enfoque de administración de procesos. Un dos novos cursos do programa formativo online de Vitae Consultores para esta tempada, un programa á medida do noso adestramento e capacitación, xira arredor dos beneficios da ITIL.
Trátase da décima edición dunha actividade formativa que nos mostra ao detalle as claves para levar a cabo un proxecto tecnolóxico e que todos os obxectivos fixados en inicio sexan cumpridos e atendidos: o Curso de ITIL Foundations en IT Service Management.
O curso servirá entre outras cousas para familiarizarnos coa administración avanzada de servizos tecnolóxico-dixitais baseada nas boas prácticas de xestión, desenvolvemento e operacións que brindan os conceptos reunidos na Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL polas súas siglas en inglés).
A décima edición desta actividade formativa, que vén con opción a certificación, vaise desenvolver en liña cunha duración de 18 horas, os días 8, 10, 12, 15, 17 e 18 de marzo. Será impartido por un formador acreditado dun centro oficial e autorizado (provedor certificador de ITIL).
O curso, segundo informa Vitae, subministra aos participantes o coñecemento dos principios e elementos principais da xestión de servizos de TI (ITSM) baseada nas boas prácticas definidas na ITIL. Asemade, ao seu remate fornece a posibilidade de obter a certificación ITIL Foundation in IT Service Management (última versión).
A finalidade da acción formativa é dotar aos participantes de recursos que lles axuden a cumprir polo miúdo as necesidades dos clientes e da propia organización ao abeiro dos diferentes procesos de negocio. Ou sexa, que se trata de equipalos con prácticas estandarizadas que lles axuden a optimizar o servizo ao tempo que reorganizan a maneira de traballar e o departamento de TI.
O público obxectivo ao que se dirixe esta actividade formativa son xerentes e responsábeis de servizos e infraestruturas tecnolóxicas da información, propietarios de procesos, responsábeis de aplicacións, proxectos e negocios relacionados coas novas tecnoloxías e membros e membros da xerencia de novas tecnoloxías relacionados co soporte e entrega dos servizos.
Os bloques temáticos son Xestión de servizo e ciclo de vida do servizo, Estratexia de servizo, Deseño de servizo, Transición de Servizo, Operación de Servizo e Mellora continua do servizo. O curso desenvolverase no Centro Social AFundación.
O encargado de impartir os contidos será Guillermo Hernández Fernández, enxeñeiro superior en Informática pola Universidade Complutense de Madrid e experto en materia de ITIL e en integración de servizos na nube seguros.

PUBLICIDADE