Vitae organiza en xuño o seu segundo curso sobre desenvolvemento seguro ante ciberataques
martes, 23 de abril do 2019
As
empresas e as entidades de todo tipo queren profesionais
especializados na vertente das novas tecnoloxías máis relacionada
coa protección dos datos e das propias tecnoloxías que os
acubillan. Así, a ciberseguridade non é que sexa aconsellábel para
relanzar o noso currículo, é que é (e será cada vez máis) unha
demanda clara e firme do mercado. Se ademais de coñecementos
avanzados de cibersecurity, contamos con recursos sólidos en
desenvolvemento, o currículo brillará por si só. A consultora
Vitae prepáranos o camiño coa segunda edición do Curso
Desenvolvemento Seguro ante Ciberataques para Java, .NET, Angular,
React, iOS e Android (OWASP-PCI-DSS).
Será
en Vigo no mes de xuño, os días 3, 4, 5 e 6. Entre outras cousas,
poranos ao tanto das últimas metodoloxías que nos axudan a
localizar posíbeis puntos febles na estrutura TIC dunha empresa e
aplicar iniciativas que os emenden.
En
termos máis concretos, a nova actividade formativa de Vitae diríxese
a actualizar os coñecementos dos profesionais sobre as
vulnerabilidades que xorden da evolución no tempo das prácticas de
codificación segura asumidas polas empresas, unha transformación
constante que lles obriga, máis ca nunca, a estaren preparados
perante hipotéticas ameazas (riscos que atinxen non só ás
prácticas en si mesmas senón tamén á propia busca dos
desenvolvedores axeitados para as demandas das empresas)
Segundo
engade Vitae, as vulnerabilidades identificadas nos requisitos en
OWASP e PCI-DSS proporcionan un punto de partida: “É
responsabilidade da organización informarse sobre as máis recentes
tendencias en puntos débiles e incorporar as medidas apropiadas, en
canto as prácticas de codificación segura que cubrirá
axeitadamente a presente formación”. Ao abeiro do curso, faranse
unha manchea de exercicios de código para a procura activa de
vulnerabilidades e a súa mitigación correspondente nas linguaxe de
desenvolvemento máis empregadas pola industria.
Os
obxectivos da actividade formativa de Vitae son os seguintes:
actualización de novas prácticas de codificación segura adaptada
ao framework e a linguaxe de desenvolvemento máis empregados
pola industria cubrindo a posta ao día respecto das novas ameazas
detectadas até o de intre da realización do curso. Este está
dirixido a programadores, analistas programadores, enxeñeiros de
software, responsábeis de seguridade TI e todo profesional que teña
responsabilidades no eido da seguridade dixital.
O
curso, que se celebra na sede de Afundación na rúa Policarpo Sanz,
terá unha duración de 20 horas en catro sesións de cinco horas.
A
persoa encargada de impartir os contidos será Pedro Candel, un dos
máis referenciais expertos en ciberseguridade a nivel estatal, amais
de especialista en seguridade ofensiva, no achado de
vulnerabilidades, en análise de software e en enxeñaría inversa.
Foi docente en varios mestrados de protección tecnolóxica en
diferentes universidades e é relator habitual nas principais
conferencias de España, Europa e Latinoamérica no ámbito da
ciberseguridade. Amais, presentou traballos de investigación en todo
o mundo e ten desenvolvido auditorías de hacking ético.