Vitae organiza en setembro unha nova edición do curso que nos mostra como formar os mellores equipos TI

martes, 24 de agosto do 2021 S. P.

Ao remate do verán agárdannos novas e interesantes formas de seguir mellorando como profesionais do ámbito tecnolóxico-dixital. Para quen teña dúbidas sobre os camiños a percorrer máis axeitados no territorio específico da creación de equipos de profesionais para as empresas, sinalarlle que a consultora galega Vitae vainos deparar co inicio do outono, a partir do 21 de setembro, unha nova edición (a dezaseis) do seu Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (PDF). Terá novamente 15 horas de duración e celebrarase a través da aula virtual de Vitae. Trátase dunha actividade formativa con importantes claves de valor para os responsábeis de recursos humanos das firmas tecnolóxicas.
Desenvolverase os días 21, 23, 28 e 30 de setembro, e máis o 5 e o 7 de outubro.
Vitae, a respecto das orixes deste curso, fai saber que un dos obstáculos máis frecuentes cos que se atopan os profesionais de selección e avaliación de equipos humanos non é outra cousa que o baleiro formativo xeneralizado que existe en materia de ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional. “Isto leva a que todo o modelo de estimación falle, pois falla a base, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para tal fin”, explican dende Vitae, engadindo que o primeiro paso para calibrar o perfil dun profesional é o autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das candidatas e candidatos”.
Neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, mestrado en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE