Vitae mergúllanos nas técnicas do Clean Code e nas utilidades dunha programación clarificada

martes, 14 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

As mellores construcións, enxeños e obras de arte que foron concibidas e elaboradas ao longo da historia e que chegaron a nós intactas e con toda a súa vixencia foron construcións, enxeños e obras de arte deseñadas e materializadas seguindo as máximas simpleza e claridade. De nada serviron discursos complexos, que escurecían a mensaxe que se quería facer chegar. Isto que foi unha máxima a seguir no pasado, por forza debe selo no futuro, entre outras cousas porque a tecnoloxía non abrolla da nada: é un paso máis dunha longa liña de continuidade. Mergullarnos nesta aposta pola clarificación é un dos grandes obxectivos do Curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas que organiza Vitae Consultores e que chega á súa oitava edición.
Segundo informa a consultora acerca desta nova actividade formativa, nada do que desenvolvamos en materia informática chegará realmente a ser de utilidade (no máis amplo senso da palabra) se non é sinxelo e está clarificado. Amais, non poderá ser mellorado por outros nin evolucionar no tempo.
O novo curso (oitava edición) celébrase os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro en Vigo, no Centro Social Afundación Abanca da rúa Policarpo Sanz. Serán dez horas de formación lectiva.
O punto de partida desta contribución formativa de Vitae está nunha necesidade concreta por parte das empresas e profesionais: a demanda de técnicas áxiles e eficaces de desenvolvemento, recursos que axuden a escribir programas para seren comprendidos, facer simple o complexo.
En termos xerais, serviranos para ampliar ao máximo o noso coñecemento sobre técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, Abanca, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE