Vitae amosará en Vigo e na Coruña os procedementos e técnicas para traballarmos con Scrum

venres, 26 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

Nos meses de marzo e abril, en Vigo e máis na Coruña, Vitae Consultores vai levar a cabo o curso Dirección e Xestión de Proxectos TI Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software, cuxa información está accesíbel xa na Rede en formato PDF. A actividade formativa desenvolverase primeiro en Vigo (4, 5, 11 e 12 de marzo) e logo na Coruña (1, 2, 8 e 9 de abril). O temario abranguerá, entre outras cousas, conceptos básicos sobre as ditas metodoloxías Scrum, un proceso no que se aplican de xeito regular un conxunto de boas prácticas (áxiles, cualificadas, rendíbeis) para traballar de maneira colaborativa e obter axiña o mellor resultado posíbel nun proxecto innovador de certa complexidade.
Tamén se inclúen no temario introducións avanzadas a Scrum, roles e responsabilidades, xuntanzas, metodoloxías de planificación e estimación áxil, introducións a Lean e Scrumban, técnicas para implantar unha metodoloxía nunha empresa, ferramentas tecnolóxicas máis usadas, entre outros moitos bloques de contidos.
Segundo nos contan dende Vitae, o curso ten a súa orixe nunha demanda crecente, por parte das nosas empresas, de acadar recursos que satisfagan de maneira eficaz e rápida as necesidades e demandas dos seus clientes. É aí precisamente onde se insire esta actividade formativa da empresa galega: na utilización de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software, sobre todo. “Esta metodoloxía”, engaden dende Vitae, “permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo para fixar un punto de partida e unha definición de todo proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto”.
O curso propón dotar aos asistentes cos coñecementos e ferramentas precisas para integraren e asumiren este modelo de traballo e poder, desta maneira, afacerse ás necesidades do proxecto e cliente na súa contorna de traballo. Abordaranse, máis en detalle, as diferenzas entre as metodoloxías áxiles e os inconvenientes coas metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO. A encargada de achegar estes contidos será a enxeñeira en Informática Josefina Alonso Nocelo, arestora coordinadora de Proxectos e responsábel de Calidade de Desenvolvemento de Software (Electrónica HMI e Sistemas ITS) no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG.

PUBLICIDADE