Vitae introdúcenos nas posibilidades da IA Xenerativa na área dos recursos humanos

martes, 3 de xuño do 2025 S. P.

Os días vindeiros a consultora tecnolóxica galega Vitae vai organizar un curso de doce horas de formación sobre as utilidades da IA xenerativa para os departamentos de recursos humanos das empresas do sector tecnolóxico. Trátase do curso Uso da IA Xenerativa para a Avaliación e Selección de Perfís TIC. Celebrarase os días 30 de xuño e 2, 7 e 9 de xullo. Porase o foco no potencial desta nova tecnoloxía para “axudar a simplificar a complexidade e o traballo, tanto do deseño como da execución dos procesos de selección e avaliación do desempeño dos profesionais”.
Tamén se mostrarán os instrumentos obxectivos de apoio avalados pola literatura científica, imprescindibles para o bo uso (responsable, racional) da IA xenerativa. Trátase de respostas concretas e específicas que capacitarán aos asistentes sobre a maneira correcta e acertada de empregar a IA Xenerativa e “realizar as súas análises e conclusións sen alucinacións nin erros”.
Neste curso aprenderase a “adestrar” á IA Xenerativa para elaborar e deseñar perfís, dar forma ás competencias do perfil coas súas condutas clave, elaborar entrevistas ECO e ECE, crear mostras de de traballo e probas situacionais, xerar transcricións das entrevistas a texto para analizalas en profundidade coas ferramentas de IA Xenerativa e elaborar informes detallados e personalizados.
Incluiranse casos prácticos con perfís de operación como técnicos e perfís de xestión como xefes de proxectos. Empregaranse ferramentas IA gratuítas como ChatGPT, Gemini, Deepseek, NotebookLM e LM Studio para ver todas as súas posibilidades e, segundo informa Vitae, “non serán precisos servizos de pago para seguir o curso e realizar as prácticas, aínda que se recomenda contratar algunha ferramenta de pago polo menos durante o curso, como ChatGPT”.
Amais, comentaranse os aspectos legais do uso da IA Xenerativa nos recursos humanos e concretamente na avaliación e selección de profesionais.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.