Vitae indica que a xestión do dato e as solucións cloud foron este 2025 as grandes prioridades formativas

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

Doris Verdes, directora de Operacións de Vitae Consultores

Ás portas de pechar a tempada de formación correspondente ao primeiro semestre de 2025, Vitae Consultores, firma galega centrada en contribuír á capacitación avanzada dos profesionais das nosas empresas TI, fixo un balance do panorama actual da formación e a selección de profesionais das novas Tecnoloxías da Información en Galicia.
Na presentación do informe a consultora galega fai saber que ao longo dos seus 19 anos de traxectoria “tivemos o privilexio de entrevistar a preto de 15.000 profesionais do sector tecnolóxico e de formar a máis de 37.000 persoas en programas tanto en aberto como in company, adaptándonos continuamente ás necesidades cambiantes do mercado”. Respecto deste ano en curso, engaden que “no que levamos de 2025, a área con maior demanda formativa foi sen dúbida a xestión do dato, tanto en contornas locais (con ferramentas como Power BI) como en solucións cloud (Azure Fabric, Snowflake, Databricks, entre outras)”.
Indican ademais que o desenvolvemento de software mantense como outra das grandes prioridades formativas, con especial foco en boas prácticas de programación como Clean Code, en niveis tanto básico como avanzado. Por outra banda, apuntan, “observamos un crecente interese en formación en habilidades para traballar e liderar equipos TI, un aspecto cada vez máis crítico nun sector tan dinámico e competitivo como o tecnolóxico”.
Vitae sinala a maiores que entre as capacitacións de meirande proxección atópase a formación en Intelixencia Artificial Xenerativa: “Actualmente, estas accións están dirixidas sobre todo a directivos e mandos intermedios, interesados en comprender o potencial transformador da IA Xenerativa nos negocios. Trátase, polo momento, de programas xeneralistas que responden o carácter emerxente desta tecnoloxía”.
Na área de selección “produciuse un axuste na contratación, especialmente en perfís júnior, en liña cunha fase de consolidación tras o forte crecemento experimentado nos últimos anos, especialmente tras a pandemia; con todo, o desenvolvemento de software segue mantendo unha demanda significativa, aínda que máis contida, nun contexto de posible desaceleración do negocio TI”, indican dende Vitae, destacando que nesta primeira metade de 2025 “alcanzamos a 51ª edición do Curso de Xestión de Proxectos TI Áxiles con Scrum, e xa preparamos a 52ª edición da man de Josefina Alonso Nocelo, que se celebrará tras o verán”. Ademais, engaden, “estamos a deseñar novos programas formativos aliñados coas necesidades emerxentes do sector, que esperamos que acheguen un valor real tanto ás empresas como aos seus profesionais”.