Vitae bríndanos as pautas para as máis óptimas comunicacións dos nosos proxectos
martes, 28 de xaneiro do 2020
De
pouco ou nada serven as grandes ideas e as mellores intencións se
non damos atopado a fórmula exacta para expoñelas e ilustralas.
Polo camiño, a mensaxe corre o risco de perderse e esta non atopa o
mellor dos traxes posíbeis. Isto vale para o día a día de
calquera profesional, e tamén, para as e os profesionais das novas
tecnoloxías da información, que teñen co loitar contra todos os
elementos dispostos (escasa clarificación, conceptos complexos,
termos ambiguos que cada pouco cambian de significado) para
entorpecer as súas comunicacións. Para
despexar o camiño, Vitae Consultores organiza na Coruña a sétima
edición do seu Curso Comunicacións e Presentacións Eficaces.
Será unha actividade formativa de oito horas, a desenvolver nunha
única xornada: a do 21 de febreiro.
Polo
que respecta aos obxectivos, trátase de ofrecer unha serie de
recursos de valor aos profesionais que posúan responsabilidades en
dirección de proxectos e, por esta razón, comunícanse acotío con
clientes, superiores ou colegas de profesión, e, sobre todo, cos
seus colaboradores directos, que adoitan estar (con cada ano que
pasa) cada vez máis preparados e que agardan dos seus responsábeis
“unha coordinación e unha comunicación eficaz que lles permita
optimizar os seus esforzos”, sinala Vitae, engadindo que o curso,
para obter a máxima eficacia, virá coa seguinte folla de ruta: como
planificar unha presentación (forneceranse as ferramentas
precisas para sistematizar o proceso natural de preparación dunha
presentación: investigar cal é a composición e cales as
expectativas da audiencia, axustar os contidos ás circunstancias,
coñecer con exactitude a mensaxe que precisamos comunicar e, por
enriba de todo, inspirar na audiencia o cambio desexado), como
estruturar apropiadamente os contidos (familiarizarémonos con
ferramentas para seleccionar os elementos da nosa presentación e
“para ordenalos nun inicio de impacto, un corpo ben organizado e
unha conclusión memorábel”) e como deseñar de maneira eficaz
os elementos visuais (descubriremos as distintas maneiras de
maquetar o contido, como espremer os elementos multimedia e como
empregar os mellores gráficos para contar visualmente a historia
soterrada baixo os datos).
O
curso está dirixido a calquera profesional “que desexe mellor as
súas comunicacións e presentacións orais, teña ou non
responsabilidades na dirección de proxectos”. Tamén se encamiña
a profesionais con responsabilidades en proxectos que decote deban
comunicar e presentar de xeito verbal as súas ideas para a
motivación dos seus colaboradores.
O
curso será impartido por Gonzalo Álvarez Marañón, enxeñeiro
superior de Telecomunicación e formador de expertas e expertos en
comunicación. É doutor en Informática pola UPM (ano 2000) e
adestrador asociado de SUN pola ICF. Adicou os seus primeiros quince
anos de actividade profesional á seguridade informática e á
comunicación dos seus achados en diversas canles e plataformas. Este
labor foi complementado cun intenso traballo formativo dentro de
organizacións, con charlas sobre seguridade informática
desenvolvidas por todo o mundo nos foros máis variados. Logo desta
andaina comezou a axudar a empresas e particulares a presentar as
súas ideas con seguridade e confianza para mover ás súas
audiencias á acción. Ten formado a milleiros de directivos e
profesionais en xeral de todos os sectores.