Vitae axúdanos a sacar o máximo proveito empresarial dos datos

martes, 17 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Ciencia dos Datos é unha das claves para converter en materia prima de utilidade o que de boas a primeiras non achega rendemento: a información en bruto. Isto que sobre o papel non fai máis que resultar abstracto, no día a día dun laboratorio, dun centro tecnolóxico ou dunha empresa innovadora, afecta directamente a iso que converte un proxecto nun éxito ou nun fracaso. A Ciencia dos Datos apóiase sobre piares complexos (estatística, aprendizaxe máquina, análise de información a gran escala, Big Data) que cómpre faceren doados. Aí entra en xogo a consultora galega Vitae, que recunca este outono coa sexta edición do seu Curso Ciencia de Datos con Excel, Power Bi e R. A cita será novamente na Coruña, no Hotel Attica 21, os días 7, 8, 14 e 15 de outubro.
A actividade formativa, de 20 horas de formación, servirá de apoio aos nosos profesionais para mellorar o seu quefacer diario cos datos, o seu labor de análise e investigación e, tamén, a práctica de tomar decisións e extraer conclusións de valor.
Máis polo miúdo, o obradoiro preséntase como un xeito de prepararnos ante o que está por vir: un estado de cousas no que nada medrará tanto e en tan pouco tempo como o coñecemento e os acubillos que a recollen e a transportan. Así, o curso subministrará aos asistentes formación en conceptos e recursos como os usos e vantaxes dos histogramas, os gráficos de Pareto, os boxplots ou o Teorema de Bayes (que, na teoría da relatividade, emprégase decote para revisar probabilidades previamente calculadas cando se posúe nova información).
Segundo Vitae, ao finalizar a actividade formativa de estatística aplicada os asistentes contarán con novos e cruciais coñecementos e habilidades no eido da ciencia dos datos. Cales son as principais vantaxes disto? Pois, en palabras da consultora, os profesionais estarán en disposición de tomar as mellores decisións, por estar máis e mellor informados, e contarán cunha “sólida experiencia en estatística e probabilidade básica, o que axudará a unha mellor comprensión dos datos”.
Os obxectivos concretos do curso son: achegar formación avanzada en estatística (estatística descritiva, probabilidade básica, variábeis aleatorias, probas e intervalos de confianza, probas de hipóteses), visualización de datos con Excel e Power BI, coñecemento da ferramenta libre R para a análise de datos e visualización.
O profesional que impartirá o obradoiro será novamente Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE