Vitae adestraranos na creación dos mellores equipos de profesionais TIC
mércores, 27 de febreiro do 2019
Quen
queira unha oportunidade para avanzar no camiño de facerse co mellor
equipo profesional, vai tela os vindeiros días da man de Vitae
Consultores, grazas á nova edición (a número 13) do seu Curso
de Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI): un
obradoiro formativo que nos mostra como explotar ao máximo o noso
talento para formar os máis axeitados grupos profesionais para as
nosas empresas.
A
actividade está novamente encamiñada a directores de proxectos e
profesionais de recursos humanos. Terá unha duración de 20 horas e
celébrase en catro xornadas, os días 5, 6, 12 e 13 de abril en
Vigo, no Centro Social Fundación Abanca (rúa Policarpo Sanz,
24-26).
Respecto
das orixes e os porqués do obradoiro, Vitae recorda que nas
contornas académicas e empresariais actuais existe un baleiro en
materia de capacitación de profesionais cos coñecementos e
psicoloxía precisos para calibrar o talento das demais persoas que
ten ao seu arredor, neste caso posíbeis candidatos para unha empresa
ou proxecto TIC, ou non TIC. “Isto”, explica a consultora galega,
“leva a que falle todo o modelo de exame, pois falla o alicerce do
mesmo, é dicir, que quen avalía non foi formado nin capacitado para
isto”.
O
obradoiro abordará, nun comezo, a importancia do autocoñecemento
para calibrarmos a outro profesional: trátase do primeiro paso
fundamental para desenvolver este labor e acadar a máxima
obxectividade. “Neste curso”, engade Vitae, “fornecerase aos
avaliadores das ferramentas precisas para o autocoñecemento e para o
exame doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do
desempeño que se empregue”.
A
consultora tamén lembra que “o sector tecnolóxico-dixital demanda
arestora máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral e
isto xéralles tensións ás empresas en canto a cumpriren os
compromisos profesionais en calidade de prazo cos seus clientes e en
controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos”. O
devandito curso céntrase en axudarnos a superar as ditas tensións.
Máis
polo miúdo, envórcase na eficacia (“en que facer, máis que na
eficiencia”) para seleccionar candidatos e avaliar o desempeño dos
nosos profesionais en contornas de escaseza de profesionais, “aínda
que ámbalas facetas, a eficacia e a eficiencia”, sinala Vitae,
“son precisas para o éxito nos procesos de selección e
avaliación”.
En
definitiva, o obradoiro fornecerá un “método e unhas ferramentas
coas que se teñen acadado porcentaxes de éxito de máis do 90% en
selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de
xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís
de alta dirección”, explican dende Vitae, engadindo que o reto
para os ditos procesos de escolma e análise é “ter un criterio
para saber en que aspectos ceder e en cales non ceder na contratación
dunha ou dun candidata/o ou na promoción dun dos nosos
profesionais”.
O
curso vai dirixido a directores e xefes de proxectos, xerentes ou
profesionais de recursos humanos ou ben a calquera profesional que
desexe adquirir as habilidades e os coñecementos para a selección e
avaliación tanto de perfís tecnolóxico-dixitais como de calquera
outro sector.
O
curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres
décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías
e os recursos humanos.