Vitae achéganos á xestión de servizos tecnolóxicos baseada na ITIL

xoves, 8 de setembro do 2016 Redacción

A firma galega Vitae Consultores retoma este mes de setembro a súa intensa actividade formativa. Un dos cursos desta andaina post-vacacional propón un achegamento á administración avanzada de servizos tecnolóxico-dixitais baseada nas boas prácticas de xestión, desenvolvemento e operacións que brindan os conceptos reunidos na Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL polas súas siglas en inglés). Trátase do Curso de ITIL Foundations en IT Service Management (en PDF), unha actividade formativa con opción a certificación e que se vai desenvolver en Vigo (sexta edición) cunha duración de 20 horas (as tardes do 3, 4, 5 e 6 do vindeiro mes de outubro). O curso será impartido por un formador acreditado dun centro oficial e autorizado de EXIN, que é provedor certificador de ITIL.
O curso, segundo informa Vitae, brinda aos participantes o coñecemento dos principios e elementos principais da xestión de servizos de TI (ITSM) baseada nas boas prácticas definidas na ITIL. Asemade, ao seu remate fornece a posibilidade de obter a certificación ITIL Foundation in IT Service Management (última versión). O público obxectivo ao que se dirixe esta actividade formativa son xerentes e responsábeis de servizos e infraestruturas tecnolóxicas da información, propietarios de procesos, responsábeis de aplicacións, proxectos e negocios relacionados coas novas tecnoloxías e membros e membros da xerencia de novas tecnoloxías relacionados co soporte e entrega dos servizos.
Os bloques temáticos son Xestión de servizo e ciclo de vida do servizo, Estratexia de servizo, Deseño de servizo, Transición de Servizo, Operación de Servizo e Mellora continua do servizo. O curso desenvolverase no Centro Social AFundación. O encargado de impartir os contidos será Guillermo Hernández Fernández, enxeñeiro superior en Informática pola Universidade Complutense de Madrid e experto en materia de ITIL e en integración de servizos na nube seguros.

PUBLICIDADE