Vitae Consultores móstranos o camiño para sermos mellores líderes

xoves, 14 de setembro do 2017 Redacción

Vitae Consultores vai organizar en Vigo unha actividade formativa directamente encamiñada a optimizar o labor dos profesionais que dirixen equipos de profesionais. O Curso Auto Liderado Baseado en Neurociencia (PDF) introdúcenos nas metodoloxías que nos van permitir coñecernos a nós mesmos (autocoñecemento) para comprender os perfís profesionais diferentes ao noso. Isto, sinala Vitae, resulta hoxe en día un paso fundamental para entender as intencións e as motivacións de cada un dos integrantes dunha equipa profesional, o que está na base da resolución de múltiples conflitos e, dende logo, nunha mellor comunicación.
No curso, de 10 horas, proporcionaranse as ferramentas precisas de autocoñecemento e autoliderado para podermos ter unha perspectiva baseada na ciencia que nos axude a ser mellores líderes e traballar en equipo.
O curso, segundo informan os organizadores, fornecerá aos asistentes de 10 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute).
Os obxectivos concretos desta actividade formativa son elaborar unha descrición baseada na ciencia do perfil de comportamento profesional, achegar un método eficaz para o autocoñecemento e o autoliderado e subministrar ferramentas para liderar e traballar en equipo xestionando as expectativas e os conflitos.
Como dixemos, inclúe dez horas lectivas a distribuír en dúas xornadas de cinco horas. Celebrarase os días 20 e 12 de outubro no Centro Social A Fundación ABANCA de Vigo, nos números 24-26 da rúa Policarpo Sanz de Vigo.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE