Vitae Consultores mostra como facer programas claros, ben artellados e de calidade

martes, 14 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A claridade e a sinxeleza son as claves dunha boa construción. Isto que é aplicábel ao ámbito arquitectónico e urbanístico, tamén se pode trasladar ao eido do desenvolvemento informático, onde tamén son valores primordiais (arquitectonicamente falando) a boa disposición das diferentes partes que integran o todo, os espazos diáfanos e os lugares cómodos e agradábeis de habitar. De axudarnos a extraer o mellor da nosa mentalidade construtiva en materia TIC é do que trata o Curso Clean Software Architecture de Vitae Consultores. A actividade formativa, unha boa oportunidade para afinar a puntería no noso software e garantir a satisfacción dos usuarios, celébrase na Coruña os días 14 e 15 de xuño.
A orixe do curso está nunha demanda crecente das empresas do sector TIC: a demanda de profesionais do desenvolvemento de programas que, amais de ser construtoras/es, sexan claros, eficaces e estean en disposición de garantir da mellor maneira posíbel as peticións dos usuarios e as necesidades dos demais compañeiros de equipo. Segundo informa Vitae, “a análise e o deseño de arquitecturas limpas son tarefas complexas pero non parten de cero, podemos mellorar a nosa produtividade e a calidade dos nosos proxectos aplicando principais fundamentais e patróns de deseño xa probados previamente”.
Os obxectivos do curso son os seguintes: partir dunha boa análise de requirimentos e as súas probas de satisfacción, coñecer os principios básicos da programación robusta e aplicar os patróns de deseño máis axeitados durante o desenvolvemento de programas.
O obradoiro está dirixido a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos.
O curso terá unha duración de dez horas e será levado a cabo baixo un enfoque eminentemente práctico. Celebrarase no Hotel Attica 21 da Coruña.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE