Vitae Consultores arrinca 2026 coa edición 53 do seu curso sobre Scrum e proxectos áxiles

mércores, 7 de xaneiro do 2026 S. P.

A consultora galega Vitae vai comezar o ano retomando un curso histórico do seu catálogo: o Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum que chega á súa edición 53 e que imparte novamente a enxeñeira en Informática Josefina Alonso Nocelo. Trátase dunha actividade formativa especialmente representativa dos obxectivos clave de Vitae: facilitar aos profesionais das TI recursos de primeira liña para afianzarse e medrar na vangarda da excelencia profesional. O curso será novamente impartido pola experta Josefina Alonso.
Será pois “unha oportunidade idónea para formarnos nos recursos que garanten a máxima calidade nos nosos proxectos tecnolóxicos e, tamén, nas metodoloxías que nos permiten coñecer polo miúdo as necesidades e requirimentos dos destinatarios deses proxectos”.
O curso, que achega a opción de Certificación Scrum Manager Nivel Experto, celébrase en formato de aula virtual, os días 19, 21, 23, 26, 27 e 28 de xaneiro de 2026.
Estamos ante unha actividade formativa de 16 horas lectivas que busca afianzarnos no uso das metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, déixannos nun lugar privilexiado para “establecer a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación”.
Segundo Vitae, a orixe deste curso está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).