Visto e prace á novena fase do despregamento de fibra óptica na cidade histórica de Santiago

martes, 6 de abril do 2021 S. P.

Abril comezou con novidades importantes no proceso para dotar de Internet de alta velocidade á zona vella de Compostela, un proceso que abre interesantes vías de extrapolación a outras cidades e vilas da nosa terra. Segundo puidemos saber, o Concello de Santiago, a través da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico que preside a edil de Urbanismo, Mercedes Rosón, emitiu un informe favorábel sobre a novena fase do dito proxecto, que, como lembraremos, implica o fornecemento de rede FTTH (Fiber To The Home) de Orange-Jazztel na contorna histórica da capital galega.
A fase 9 conta cun orzamento de execución material de 38.905,10 euros. Esta parte do proxecto contempla o despregamento da fibra óptica en dous ámbitos diferenciados: no barrio de San Pedro e na contorna da Praza do Obradoiro. En concreto, afectará ás seguintes rúas e treitos de rúas:
· Quinteiro da rúa do Franco, rúa de Fonseca, rúa da Raíña e praza de Fonseca.
· Praza do Obradoiro nº 3 (Catedral de Santiago) e nº 4 (Pazo de San Xerome).
· Quinteiro da rúa de San Pedro, campo do Forno, calzada de Santo Antonio e calzada de San Pedro
· Rúa do Medio (núm. 22 a 42)
· Rúa Carricova (núm. 1 a 5)
· Rúa Travesa de San Pedro (núm. 4 a 6)
· Rúa Travesa de San Pedro (núm. 4 a 6)
· Rúa do Rosario (núm. 1 a 29)
· Rúa de Bonaval (núm. 1 a 31)
· Rúa da Costiña do Monte (núm. 1 a 20)
· Quinteiro da rúa de Belvís, campo de Santo Antonio e corredoira das Fraguas.
· Rúa da Virxe da Cerca (núm. 1 a 30)
· Rúa das Trompas (núm. 1 a 21)
· Ruela da Tafona (núm. 1 a 8)
O proxecto da novena fase do despregamento da rede FTTH de ORANGE segue a empregar os mesmos criterios e solucións técnicas do proxecto de execución das fases anteriores, que xa foron favorabelmente informadas polo Concello de Santiago de Compostela.
Así, o obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% os posíbeis usuarios existentes no ámbito, “evitando así a necesidade de futuras ampliacións”. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que, segundo confirma o Concello, acádanse “melloras como a redución do número total de caixas, de cables e de fusións”.
Amais, estipúlase que as arquetas e canalizacións soterradas que requiran de escavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica; que os cables de acometida accedan ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmóbeis; que as novas caixas ópticas teñan un acabado en cor gris para reducir o impacto visual; que o trazado dos pasos de rede soterrados se deseñen seguindo a aliñación das lousas de granito; e que as tapas das novas arquetas sexan de lousa de granito, “das mesmas características que o pavimento e co grosor necesario para garantir o tráfico de vehículos pola súa superficie”.
Amais, a obra civil correspondente á execución de pasos soterrados da nova rede de distribución de fibra óptica deberá ser aproveitada para soterrar simultaneamente todos aqueles tendidos aéreos que poidan ser suprimidos.
Outro punto a seguir é a obrigatoriedade de compartir a nova rede con empresas ou operadoras de telefonía interesadas en ofertar os seus servizos na cidade histórica.
Por outra banda, tamén se emitiu informe favorábel sobre a solicitude presentada pola compañía Orange Espagne, S.A. para a modificación base de telefonía móbil situada na rúa Nova, 33. A actuación conta cun orzamento de execución material de 6.319 euros e ten como obxectivo axustarse ás condicións estéticas recollidas no ditame da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico incluídas no decreto de concesión de licenza, e dotar á actual instalación da nova tecnoloxía 5G.

PUBLICIDADE