Vilalba impulsa un proxecto de infraestruturas ambientais e dixitais para reducir a contaminación

xoves, 11 de agosto do 2022 S. P.

O Concello de Vilalba presentou os detalles dun proxecto de infraestruturas ambientais e dixitais para dar unha viraxe ás zonas verdes e de lecer: unha viraxe propia das Cidades Intelixentes e que pon o foco na sustentabilidade. A iniciativa abranguerá varias varios conxuntos arbóreos e rúas do centro urbano, que se someterán tamén a traballos para favorecer a accesibilidade. O Concello fará fronte á actuación cunha subvención de 500.000 euros ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Esta achega permitiría afrontar o 100% do investimento necesario na actuación.
En concreto, a actuación acometeríase na rúa de Galicia e a súa continuación na rúa Cidade de Lugo; avenida Terra Chá; rúa da Feira; rúa Campo da Ponte; rúa Muras e a súa continuación coa avenida de Cospeito; rúa Castelao e Camiño Campo Redondo, ata o cruzamento co camiño das Rodas.
A través deste proxecto dotarase de arboredo, espazos permeábeis e zonas de descanso e calidade ambiental aos veciños de Vilalba. Paralelamente, a actuación diríxese tamén a mellorar a infiltración de pluviais; a resiliencia fronte ao cambio climático; as capacidades de captación de carbono, a xestión das aguas pluviais, e o conxunto da calidade urbana de Vilalba.
No caso de realizarse a actuación, a xestión das novas plantacións xerará postos de traballo e unha bagaxe dixital e específica de “gran potencial”, en palabras do Concello, que engade que está previsto incorporar Sistemas de Drenaxe Urbana Sustentábel (SUDs) e as técnicas GIS para o inventariado e xestión das novas zonas instaladas.
“O proxecto aumenta a comodidade dos peóns e dos usuarios dos estacionamentos; as zonas verdes, ademais da colocación de contornas arbóreas que permitirán áreas de sombra e a redución da contaminación, incorporando unha zona de estar que mellora a accesibilidade das beirarrúas, permitindo o descanso das persoas con mobilidade reducida e a convivencia entre os habitantes”, explicou Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.
O proxecto afecta a un ámbito dun total de 87.000 m2 de viario urbano, nos que se disporán un total de 118 conxuntos arbóreos.

PUBLICIDADE