Vilagarcía tramita de maneira electrónica o 95% dos seus expedientes

martes, 15 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vilagarcía vén de dar importantes avances en materia de Administración Electrónica. Nun plano máis concreto, conseguiu chegar a unha taxa do 95% en volume de expedientes tramitados de maneira dixital. A esta porcentaxe, de por si un fito importante, cómpre engadir os factores axilidade, comodidade e seguridade. En palabras de Rosa Losada, secretaria xeral do Concello, “implantar a Administración Electrónica no noso concello permitiunos reducir o tempo medio de tramitación e así responder máis rápido ás necesidades dos cidadáns”.
No proceso de adaptación á Administración Electrónica traballaron arreo o propio equipo de Goberno de Vilagarcía e os empregados municipais, que colaboraron na implantación e posta en marcha da Sede Electrónica local e do xestor de expedientes, que son parte da solución integral de eAdministración que foi introducida, desenvolvida e habilitada pola firma galega Imatia. Segundo engade Rosa Losada a conto destes traballos, “Imatia axudounos a mellorar moitos procesos que antes faciamos de forma manual e sen compartir a información dispoñíbel, pero sobre todo fíxose buscando en todo intre a colaboración dos empregados públicos, de forma progresiva e adaptándose ás súas necesidades”.
A solución adoptada polo Concello foi Cividas e-Gov, o xestor de expedientes que xa estaba a funcionar con éxito nas áreas de Rexistro e Urbanismo, estendendo o seu uso ao resto da administración local. Segundo explican dende Imatia, a clave para logralo foi a contratación, a comezos de 2017, dun servizo de dinamización para os empregados públicos, nos que un experto en Cividas e-Gov e en Administración Electrónica proporcionaría asistencia técnica profesional e in situ. Entre as características máis salientábeis da solución aplicada figura a súa natureza modular, que permitiu evolucionar ao ritmo necesario, dando especial importancia a lograr a aceptación dos usuarios. Segundo engade a empresa TIC, a opción elixida saldárase previamente con experiencias positivas noutros concellos galegos.
Amais de axilizar tarefas entre os empregados públicos e fornecelos de servizos como caixas de correo, un acubillo único de expedientes ou o uso cotián da sinatura electrónica, púxose en marcha o desenvolvemento da Sede Electrónica de Vilagarcía de Arousa. Nesta web, os cidadáns teñen acceso a información sobre todos os servizos dispoñíbeis no Concello, así como os requisitos e formularios precisos para solicitalos, amais doutras funcionalidades, como a posibilidade de consultar o estado dos seus expedientes ou descargar documentos oficiais, como volantes de empadroamento.

PUBLICIDADE