Vilagarcía retransmitirá en streaming as celebracións do aninovo adiantado

mércores, 26 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Para quen queira tomar as uvas dun xeito diferente, tecnolóxico á par que literario, o Concello de Vilagarcía está a propoñer que pasemos a festa de aninovo das 12 do mediodía do 31 de decembro (unha tradición que se celebra en Vilagarcía dende hai xa vinte anos) na compaña de Julio Verne e co móbil a man. A proposta, coa que se quere conmemorar o aninovo pero tamén o 20 aniversario da tradición das uvas mañaneiras, consiste en retransmitir a celebración vía streaming e a través das redes sociais Facebook e Instagram, o que se vai acompañar dun espectáculo baseado no imaxinario e nas senlleiras obras literarias de Julio Verne.
Este último punto correrá a cargo de Pablo Méndez, un vello coñecido da celebración do aninovo adiantado (en anos anteriores causou impacto coas súas acrobacias aéreas).
A cita será, como xa vén sendo tradicional, na praza de Ravella. O lecer festeiro comezará arredor das 11 da mañá, con ruadas, a actuación dun picadiscos e o espectáculo da compañía de Pablo Méndez dende as 11,45 horas. Despois das badaladas, o espectáculo continuará até as 13,30 horas, aproximadamente.
Segundo informa o Concello, “os asistentes poderán brindar con cava e tomar as uvas”, e estarán acompañados de varias cámaras gravando e emitindo en streaming todo o que aconteza na praza da Ravella. Os espectadores tamén verán imaxes do interior do centenario reloxo dende o que os vilagarciáns darán a benvida ao 2019 ao mesmo tempo que nas súas antípodas, en Australia.
Na presentación destas actividades, a concelleira de Xuventude, Sonia Outón, agradeceu publicamente o patrocinio que ano a ano prestan empresas como Gadis, La Metro ou Academia Elisa e, sobre todo, “o esforzo dos moitos voluntarios que fan posíbel que arredor de 2.500 persoas teñan a oportunidade de celebrar o paso do ano na compaña de familiares e amigos no que é xa unha das grandes atraccións lúdicas e festivas de Vilagarcía”.
A emisión das badaladas pode seguirse tanto dende Facebook (Concello de Vilagarcía e Toma das Uvas) como Instagram (Concello de Vilagarcía). A retransmisión comezará ás 11.30 horas.

PUBLICIDADE