Vilagarcía instala semáforos con aviso sonoro para invidentes a través do móbil

mércores, 26 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Vilagarcía quere rematar o ano consolidándose como un referente no uso cidadá das novas tecnoloxías. Se hoxe mesmo falamos do alto nivel de repercusión dixital que vai ter a súa xa tradicional festa de aninovo adiantada (a toma das uvas do mediodía), a isto cómpre engadir a posta en marcha, os días pasados, dun pioneiro sistema para incrementar a seguridade a carón dos semáforos para peóns. Segundo informou o Goberno local, os novos semáforos que se están a habilitar están equipados cunha tecnoloxía de aviso sonoro para invidentes que se activa a través do teléfono móbil vía bluetooth.
Para o Concello, a medida garante a seguridade das persoas cegas á hora de atravesar unha vía e evita as molestias que sofren os veciños como consecuencia dos semáforos convencionais que soan de forma constante, día e noite, cada vez que se poñen en verde para os peóns. O devandito sistema de alerta por bluetooth está operativo xa no semáforo de Castelao (Alejandro Cerecedo) e tamén funcionará nos equipos que se están a colocar en Rodrigo de Mendoza e Doutor Tourón.
Ao devandito compre engadir o factor comodidade. Así, para tirarlle proveito ao novo sistema, os cidadáns non terán que instalar aplicación algunha no seu teléfono, unicamente abonda con mudar a configuración do bluetooth para que cando se aproximen a un semáforo dotado con esta tecnoloxía, este sexa quen de detectar a súa presenza e facer soar, cando acenda a luz verde, o sinal auditivo de paso libre. O Concello engade que o sistema vale para calquera tipo de móbil, non é necesario contar con smartphone. Por outra banda, tamén é quen de axustarse de maneira automática ao ruído de ambiente, polo que se incrementa se hai moito tráfico ou obras ao redor e redúcese se non hai ningún outro ruído.

PUBLICIDADE