Vigo recibe 4 millóns do Goberno para converter en smart 172 edificios da cidade

luns, 4 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A semana Red.es seleccionou os proxectos que van ser beneficiados a través da convocatoria de axudas Pilotos de Edificios Intelixentes da entidade público-empresarial, oito proxectos smart de cinco comunidades autónomas entre os que se atopan dúas iniciativas da nosa terra: a de Coruña e a de Vigo. Respecto desta última, o Concello deu a coñecer unha serie de detalles importantes logo de coñecerse a súa elección por parte do Ministerio de Economía e Empresa. O alcalde Abel Caballero sinalou que a contribución estatal será de 4 millóns de euros.
Destinaranse, sinalou, a pór en marcha un programa de edificios intelixentes en 172 inmóbeis da cidade. O obxectivo último é “mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas”.
Segundo explicou o rexedor, instalarase o denominado Nodo IOT grazas ao que se poderá comunicar en tempo real o que pasa nos edificios para extraer datos e traballar no ámbito do desenvolvemento medioambiental, da seguridade e da mobilidade. “Este proceso”, engadiu, “permitirá obter información en tempo real que facilitará a toma de medidas como a elaboración de mapas de ruído, de contaminación e de consumo enerxético”.
A proposta incluirá todos os edificios administrativos, o parque de servizos do Concello, o Auditorio Mar de Vigo, os museos, as bibliotecas, o Estadio de Balaídos, a Escola de Artes e Oficios, o Albergue Municipal, os mercados, os centros cívicos, os aparcamentos subterráneos, o VigoZoo, o edificio da Xerencia de Urbanismo, o aeroporto, as estacións de ferrocarril, a estación de autobuses e o porto. Caballero dixo que a esta listaxe de inmóbeis engadiríase a proposta de edificios de sectores privados como vivendas, centros comerciais, hoteis ou o mesmo o recinto da Zona Franca.
O plan en termos xerais
A convocatoria estatal, inserida no Plan Nacional de Territorios Intelixentes, prevé mobilizar un investimento de 32.065.949,68 euros, dos que Red.es achegará 22.020.917,87 (o 68%).
De acordo coa dispoñibilidade orzamentaria existente, para os pilotos situados en Andalucía e Galicia, Red.es contribuirá cun oitenta por cento (80%) e para os situados en Cataluña, Comunidade de Madrid e Comunidade Valenciana, cun cincuenta por cento (50%).
Estes 32,07 millóns súmanse aos 109,5 millóns das convocatorias de Cidades e Illas Intelixentes e aos 74 millóns da convocatoria de Destinos Turísticos Intelixentes, o que supón un total de máis de 215 millóns de investimento por parte do Goberno central neste ámbito tecnolóxico.
O director xeral de Red.es, David Cierco Jiménez de Parga, subliñou a semana pasada que “o obxectivo que perseguimos co novo Plan Nacional de Territorios Intelixentes, evolución do Plan de Cidades Intelixentes, é duplo: por unha banda, apoiar ás entidades locais no seu proceso de transformación cara a cidades e destinos turísticos intelixentes, e pola outra, fomentar a consolidación dun sector tecnolóxico provedor de solucións Smart City, con capacidade de internacionalización”.
Os 8 proxectos piloto seleccionados pertencen aos concellos de Sevilla (4.999.974,10 euros), Málaga (4.961.000,00), L´Hospitalet de Llobregat (2.488.326,92), Terrassa (2.500.000,00), Móstoles (2.117.812,66), Valencia (5.000.000,00), Coruña (4.998.836,02) e Vigo (4.999.999,98).

PUBLICIDADE