Vigo foi esta semana un macro-escaparate de experiencias empresariais 4.0

mércores, 5 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A Industria 4.0 e as súas vantaxes de sustentabilidade, eficiencia, aforro, rendibilidade e automatización foron as protagonistas este luns dun evento impulsado na cidade olívica pola Fundación ProVigo, no que participou o alcalde Abel Caballero. O encontro, unha xeira de networking entre profesionais de diferentes entidades, empresas e sectores, desenvolveuse baixo o epígrafe Industria 4.0, Innovación Tecnolóxica.
Na xuntanza de traballo mostraron as súas experiencias e logros no ámbito dos recursos dixitais, innovadores e avanzados o secretario xeral de OTD ANFACO-CECOPESCA, Juan Vieites (falando do liderado da organización en dixitalización do eido marítimo-alimentario), o xerente de Norlean, Daniel Prieto (afondando nas posibilidades da Industria 4.0 para a mellora da conta de resultados dunha empresa), a directora de Easyworks, Thais Pérez (abordando os detalles da transformación dixital dunha empresa industrial), o director de Comunicación de Traktus, Roberto Pérez (mostrando ante os presentes o “ximnasio máis pequeno do mundo, o Handy Gym Fit), o director comercial de Enerxía Galega Máis, Manuel Muñiz (explicando as novas formas de mercar enerxía, os PPA), o director da Unidade Técnica de Negocio de Asysgon, José Carlos Cid, o socio fundador de Ideas Positivas Group, Ignacio Fontaíña, o director de I+D+i do Grupo Soltec, José María Alonso, o director executivo (CEO) de Muutech, Víctor Calvo (poñendo o foco na importancia dos datos para a nova orde económica, “o petróleo do século XXI”) ou o socio fundador de Rei Zentolo, Pablo Rodríguez.
Na cita, o rexedor vigués salientou “o gran interese” da cita para unha cidade que quere estar no “desenvolvemento industrial”. Caballero falou da oportunidade da celebración deste encontro agora que “a economía de Vigo reactívase e evoluciona de maneira positiva” e engadiu que “a estabilidade política municipal vai contribuír a manter esa tensión de crecemento”. Asemade, ratificou a intención do seu Goberno de subirse ao carro dos sistemas intelixentes de comunicación, xestión e produción: “Queremos estar na fronteira do coñecemento e do desenvolvemento do 4.0”.

PUBLICIDADE