Vigo acolle o 22 de outubro un congreso internacional sobre o potencial das redes sociais a nivel empresarial: Organización 2.0

mércores, 25 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

O vindeiro 22 de outubro celébrase en Vigo un congreso internacional sobre tecnoloxías participativas, comunidades e emprendemento baseado no emprego das redes sociais. A cita, chamada Organización 2.0, vén da man das firmas galegas Comasis e Inova, que contan ademais co apoio do Consorcio da Zona Franca de Vigo (a sede do congreso). O evento, informan, contará con relatorios de prestixiosos consultores internacionais, produtores destas ferramentas e empresarios que xa gozan das vantaxes que veñen de aplicar este tipo de solucións nas organizacións. Segundo engaden Comasis e Inova, Organización 2.0 está chamado a ser o gran acto galego sobre tecnoloxías sociais ao longo de 2013.
Así, “o empresariado máis representativo do país ten previsto acudir a unha cita onde se van debullar polo miúdo as últimas novidades en tecnoloxía 2.0 e social enterprise”, cóntanos Pablo Cibeira, responsábel de Marketing de Comasis, quen sinala que a xuntanza está pensada cunha clara orientación práctica a fin de que os asistentes poidan explorar de primeira man as múltiples potencialidades das solucións 2.0 para contribuír a un desenvolvemento máis produtivo das organizacións.
O congreso comezará ás 9:00 co acto de inauguración. A continuación comezarán os diversos relatorios que está previsto que rematen ás 14:30, aproximadamente. Durante a mañá os expertos abordarán a temática das redes e sistemas 2.0 relacionándoa coa produtividade, a intelixencia colectiva e a análise da xestión de información. Logo do xantar, entre as 16:00 e as 18:00, a conferencia continuará cun módulo no que se tratarán as aplicación destas ferramentas en I+D+i e nas universidades.
A día de hoxe, a lista de relatores (que se prevé que vaia medrando co paso dos días) está constituída por Alejandro Vázquez, Luis Calvo, David Silva, Xavier Orozco, Alberto Casal, Tamara Blanco, Ana Neves, José Gil de Bernabé e Antonio Soto. Os interesados en acudir ó acto deben formular a súa inscrición na web de Comasis ou chamando ó 981 173 323. A asistencia ó congreso é de balde e inclúe aparcadoiro, almorzo e comida. O número de prazas é limitado.

PUBLICIDADE