Vigo abre unha xanela ao futuro do naval

mércores, 15 de maio do 2019 Redacción

Este martes falouse en Vigo de novas tecnoloxías e de Intelixencia Artificial para o ámbito da construción de buques. Foi na primeira edición do Foro Internacional de Tecnoloxías 4.0 aplicadas ao Sector Naval, impulsadas pola Deputación de Pontevedra. Na cita, celebrada no Teatro AFundación, participaron expertos internacionais debatendo sobre visión artificial, realidade aumentada, monitoraxe de procesos, robotización e plataformas colaborativas. Na xuntanza interviñeron Abel Caballero, alcalde de Vigo, e Carmela Silva, presidenta da Deputación.
O rexedor vigués salientou a relevancia das sinerxías para adaptar o naval á contorna 4.0 (avanzada en automatización, intelixencia, rendemento, eficiencia e sustentabilidade), e a presidenta da Deputación de Pontevedra mostrou a súa satisfacción co proxecto IN 4.0, que ten como obxectivo que o naval se adapte a este novo modelo produtivo da industria.
A xornada tamén veu da man da Asociación de Industrias Metalúrxicas (ASIME) e a Agrupación industrial Naval de Galicia (ACLUNAGA). O vicepresidente de ASIME, Rafael Outeiral, salientou as oportunidades do foro para mostrar as vantaxes de cinco tecnoloxías seleccionadas entre un total de 20 “que cremos que son as que mellor se adaptan ao sector naval e están listas para ser aplicadas”. Outeiral engadiu “que as empresas temos que facer un esforzo interno para adaptarnos e mellorar os nosos procesos”. Pola súa banda Óscar Gómez, xerente de ACLUNAGA, reclamou maiores apoios para “un sector estratéxico que ten tantos traballadores detrás”. Tamén participou o director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez, que destacou a necesidade dun sector naval “máis limpo e respectuoso co medioambiente e máis dixitalizado”.

PUBLICIDADE