Víctor Salgado protagoniza hoxe unha nova sesión do programa tres14.pm
xoves, 21 de febreiro do 2019
O
programa de eventos tres14.pm, posto en marcha polo Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co fin
de xerar coñecemento e networking profesional, vai dar este
xoves un novo paso na súa relevante andaina. Logo
da sesión celebrada os días pasados na Casa de Europa de Santiago
con Julio José Fernández Rodríguez, hoxe é a quenda de
impulsar o debate na compaña de Víctor Salvado, avogado
especialista en novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación
(TIC). Na cita, destinada ás colexiadas e colexiados do CPEIG,
abordaranse cuestións como as normativas sobre protección de datos,
a futura lexislación da Intelixencia Artificial e o tratamento de
datos persoais das redes sociais por parte dos partidos políticos.
A
actividade celebrarase no restaurante Árbore da Veira do Monte de
San Pedro da Coruña (Estrada Os Fortes, s/n), entre as 14:00 e as
17:30 horas. O persoeiro convidado será, como dixemos, o avogado
especializado en TIC Víctor Salgado Seguín. O experto centrará a
súa exposición en tres liñas argumentais: o regulamento sobre
protección de datos, a lexislación relacionada coa intelixencia
artificial, e o tratamento dos datos das redes sociais por parte dos
partidos políticos.
Nun
primeiro momento, Víctor Salgado comentará aos asistentes as
normativas actuais referentes á salvagarda da información, allea e
propia. Falará do Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión
Europea de 2016 e da Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e
Garantía dos Dereitos Dixitais de 2018, onde se establecen novas
obrigas e responsabilidades para as empresas e profesionais que
traten con información de persoas e entidades. Ademais, Salgado
relacionará tamén estas normas cos novos modelos de negocio que
xorden na rede e o que contempla o actualizado Réxime Sancionador de
Protección de Datos.
No
relativo á Intelixencia Artificial, o relator compartirá cos
asistentes o contexto legal actual, facendo fincapé no que esta
tecnoloxía se atope a día de hoxe fóra da lexislación, aínda que
existe un proxecto da Unión Europea para regulala, establecendo
límites e un código ético, tanto para compoñente de software como
de hardware. Comentará tamén os modelos de IA máis coñecidos a
día de hoxe, como son a explotación de datos que usa Google (Google
Assistant) e Amazon (Alexa) ou outro asistente de voz como o Siri de
Apple.
Outro
tema relevante que tratará Víctor Salgado será o tratamento que
realizan os partidos políticos dos datos persoais presentes nas
redes sociais a través da tecnoloxía di Big Data, aspecto
que contempla a actual lei española de protección de datos. O
programa da sesión de hoxe tamén inclúe un debate arredor da
posverdade, un novo concepto que xorde pola manipulación e a
difusión de noticias falsas para influír na sociedade e na súa
vontade de voto.