Verín e Chaves mergullan as empresas locais en redes sociais e ecommerce

xoves, 3 de xuño do 2021 S. P.

A Eurocidade Chaves-Verín organiza os días vindeiros un programa formativo composto por dúas misións empresariais e máis un seminario transfronteirizo en formato online. Trátase dunha iniciativa directamente encamiñada a incrementar a competitividade, a rendibilidade e a perdurabilidade do sector económico a través da transformación e a dixitalización. Porase o foco no comercio electrónico, nas redes sociais, a Realidade Aumentada e Virtual e a Internet das Cousas, entre outras cuestións.
O programa, que se celebra os días 9, 15 e 17 de xuño, divídese en tres fases: unha fase inicial de informar e recoller información, unha segunda fase de formar nas tecnoloxías que máis interesen ao tecido empresarial e emprendedor do territorio, e unha terceira, na que se axudará a crear iniciativas, desenvolver ideas e expor novos desafíos para novos tempos.
Esta actividade contemplará catro salas simultáneas con diferentes temáticas, onde os empresarios deberán encadrarse en función das súas necesidades: Mercadotecnia dixital (redes sociais), Turismo 2.0, Industria 4.0 e Comercio Electrónico.
Ao longo destas xornadas afondarase no perfil dos empresarios, estudaranse as sinerxías entre eles e proporcionaránselles ferramentas que poidan axudarlles nas súas necesidades. Para participar nestas actividades, as persoas interesadas xa poden inscribirse online.
Estas accións son unha actividade do proxecto europeo Eurocidade_2020, que se enmarca no programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP), con financiamento FEDER.

PUBLICIDADE